AGE demanda que se concrete en que consiste o documento asinado pola Xunta co sector lácteo

Representantes de sindicatos agrarios mantiveron unha xuntanza coa Alternativa Galega de Esquerdas. A formación pedirá no pleno do Parlamento maior concreción dos contidos do documento

O responsábel de agricultura e gandeiría do Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez, reuníuse cos representantes dos sindicatos agrarios (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores) co obxetivo de valorar o acordo asinado coa Xunta de Galicia para a mellora do sector que está a atravesar unha situación de máxima gravidade.

O deputado demanda ao goberno da Xunta de Galicia que concrete cales serán estas medidas e insta a que aproveite a sesión plenaria no Parlamento de Galicia da vindeira cuarta feira para que na “proposición non de lei sobre as medidas que debe adoptar o Goberno galego en defensa da viabilidade do sector lácteo e do equilibrado da cadea de valor da comercialización dos seus productos” que presentará o Grupo do PP inclúa de xeito concreto as accións que se van levar a cabo, partidas orzamentarias que se destinarán e calendario de reunións previsto.

“O que se asinou foi un documento de boas vontades pero sen concreción algunha e no tema da problemática do sector lácteo estamos xa fartos de boas palabras que non van máis alá. Proba disto é o Plan estratéxico para o sector asinado no 2009 polo goberno do Sr. Feijoo e que non só non se levou a cabo senón que se fixo todo o contrario do acordado agravando máis aínda a situación na que se atopan os gandeiros e as gandeiras no noso país” explicou Antón Sánchez que engadiu que “é o momento de que o Sr. Feijoo amose e concrete se realmente ten a intención de loitar polo sector ou vai quedar unha vez máis en boas vontades”.

Comentarios