"Non existe nin existirá acordo", di AGE após concordar co PP na xunta de portavoces

Foron estes dous grupos parlamentares os únicos que apoiaron unha redución de propostas no debate do estado da nación que decorrerá no Parlamento entre o 15 e o 17 de outubro. Alternativa revólvese no Facebook contra un cartaz editado polo Bloque en que Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras aparecen acompañad@s de Feijóo riba do texto 'Galiza ten máis de 50 problemas'.

age


Alternativa galega de esquerdas, AGE, publicou na súa conta da rede social Facebook un comunicado a respeito das regras que marcarán a folla de ruta do debate sobre o estado da nación, a realizar os días 15, 16 e 17 de outubro no Parlamento galego.

A formación política, que nesta terza feira se posicionou co PPdG á hora de limitar o número de propostas de resolución dos grupos parlamentares, a 50, nega que existise "pacto" cos e coas conservadoras, "nin existirá ningún acordo para limitar a capacidade de iniciativa política da oposición parlamentaria". 

Porén, na xunta de portavoces foron PPdG e AGE as únicas formacións que apoiaron a limitación de achegas, malia non existir ningunha norma a este respeito. En rolda de imprensa, a vicevoceira de Alternativa, Yolanda Díaz, enfatizou que o seu grupo "máis que insistir no quantum das propostas aposta na calidade" e que o debate "debe ser máis de calidade que de cantidade".

'Galiza ten máis de 50 problemas'

No comunicado feito público esta cuarta feira, AGE fala de "ataques por un suposto pacto", no que podería constituír unha alusión ao cartaz editado polo Bloque en que unha imaxe de Feijóo acompañado de Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz aparece acompañada do texto 'Galiza ten máis de 50 problemas'.

Rexeitando calquera "acordo", o grupo parlamentar amósase "extremadamente crítico" coa redución nos tempos das intervencións, sinalando que aquela foi "decidida unilateralmente polos conservadores". 

Cada formación terá 10 minutos menos do habitual na primeira xornada (terza feira, 15) e outros dez minutos menos na terceira (quinta feira, 17). Aliás, haberá un día a maiores, a cuarta feira 16, onde poderán achegar posturas ao redor das súas iniciativas.

"O PP pretende amputar a xa precaria democracia", sinala o comunicado de AGE, asegurando que foi este grupo quen "defendeu a ampliación até 50" nas proposicións que se poden facer "diante da pretensión inicial do PP de as limitar a 35".

Comentarios