AGE chama a participar nas mobilizacións contra o TTIP

Este 11 de outubro accións simultáneas en diversos Estados membros da UE amosarán o rexeitamento popular a un acordo que visa crear un macro-espazo comercial entre as dúas beiras do Atlántico. 

TTIP
photo_camera [Imaxe AGE]

Galiza súmase á campaña #STOPTTIP, unha iniciativa social que vertebra boa parte dos Estados Membros da Unión Europea e que ten por obxecto denunciar os prexuízos sociais, políticos, económicos e ecolóxicos do Tratado de Libre Comercio que negocian as autoridades comunitarias e estadounidenses desde comezos de 2013. 

Neste senso, o grupo parlamentar de AGE --através d@s deputad@s Eva Solla e Antón Sánchez-- lanzou un chamamento esta sexta feira a participar nas mobilizacións que terán lugar na Galiza o 11 de outubro. 

Desde AGE denuncian que o obxectivo do acordo "é pór os intereses das grandes multinacionais por enriba da saúde das persoas, a protección do medio ambiente, seguridade alimentaria ou os dereitos laborais" polo que cómpre, din, "unirnos contra esta gravísima agresión que se está a negociar de xeito escurantista e que antepón os intereses das grandes multinacionais aos dereitos fundamentais das persoas". 

Este sábado 11 de outubro desenvolveranse accións simultáneas en múltiples Estados Membros da UE, tamén na Galiza

As mobilizacións convocadas no noso país terán lugar nas cinco cidades galegas e queren denunciar que, para alén do máis, o Tratado pasará mesmo por riba das lexislacións dos Estados Membros pois, no caso de entraren en conflito coas disposicións do acordo bilateral, as empresas poderían solicitar unha indemnización millonaria polas supostas perdas que lle suporía non desenvolver actividade algunha nese outro territorio. 

Perante isto, Solla e Sánchez advertiron do "grave risco" que supón o TTIP para os servizos públicos, habida conta de que a súa xestión podería pasar a mans de entidades privadas. 

No día de onte (9 de outubro) o Consello da Unión Europea desclasificou o mandato negociador aprobado nas conversas cos EUA. Por vez primeira coñeceuse o contido das negociacións e os obxectivos que ambos os dous bloques económicos que marcan coas mesmas. Entre outras, a liberalización comercial de bens e servizos ou a posibilidade de optaren a contratacións públicas, a nivel "nacional, rexional e local", as multinacionais estadounidenses

HORAS E EMPRAZAMENTOS DAS MOBILIZACIÓNS

  • OURENSE: 12.00 horas Praza Maior
  • FERROL: 12.00 horas- Ateneo
  • SANTIAGO: 12.00 horas- Praterias
  • A CORUÑA: 20.00 horas- Obelixco
  • PONTEVEDRA: charla informativa ás 18.00 horas no edificio sindical (rúa Pasantería)

Comentarios