AGE acusa a Xunta de ‘’empurrar á xente’’ ao auto-emprego para despois lle denegar as axudas prometidas

Alternativa Galega de Esquerdas presentou unha proposición non de lei para instar a habilitar orzamentos para que se paguen as axudas ás persoas que cumpriron cos requisitos.

Manuel Fajardo
photo_camera Juán M. Fajardo

O deputado de Alternativa Galega de Equerdas (AGE), Juan Fajardo, responsabilizou o goberno autonómico de “empurrar a xente, a forza de propaganda, cara ao abismo do autoemprego. Prometen e conceden axudas e logo, cando esas persoas xa botaron as súas contas, néganllas”. O deputado fixo estas afirmacións durante a defensa dunha proposición non de lei para instar o executivo a habilitar orzamentos para pagar as axudas a aquelas persoas con requisitos ás que se lle negaron por non ter fondos.

AGE sostén que a falta de oportunidades laborais leva a que moitas persoas opten mesmo por internarse “na xungla do que a dereita neoliberal denomina emprendemento e que en realidade é autoemprego”. E que esa xente deu ese paso “tendo en conta a posibilidade de obter subvencións públicas.” “Logo de dous anos de concedidas estas axudas, notifícaselle ao traballador que non hai orzamento e que non hai axudas”, explicou Fajardo, “non é que non sexa de recibo semellante demora, é que incumpre a propia orde das mesmas, que estabelece un prazo de seis meses para esa notificación”.

Comentarios