Os afiliados do PP unxirán hoxe a Feixoo nunhas primarias nas que el non acredita

Os 41.681 membros que se inscribiron para participar na elección interna poderán votar este 21 de marzo polo único candidato a liderar a formación.

photo_camera O aínda presidente galego, nun mitin de partido esta fin de semana na localidade española de Torremolinos (Foto: Nós Diario)

Os 41.681 afiliados do PP que se inscribiron para participar nas primarias do partido poderán votar este 21 de marzo polo único candidato a liderar a formación, Alberto Núñez Feixoo, que logrou unha cifra maior de apoios ao presentar a súa candidatura, con 55.580 avales.

Nas sedes haberá tamén unha segunda urna para a elección dos compromisarios que irán ao congreso extraordinario de Sevilla, que se organiza os días 1 e 2 de abril.

É a segunda vez que os afiliados poden elixir o seu líder por primarias, cun sistema de dobre volta que se instaurou no último congreso ordinario. Desta forma, en primeira rolda votan os afiliados e, na segunda, fano os compromisarios.

O congreso do 20 e 21 de xullo de 2018 foi o primeiro que organizou o PP con este sistema de primarias, un método que Feixoo cre que necesita "axustes".

"Creo nas primarias a través de compromisarios, non nas primarias asemblearias", admitiu hai un par de semanas nunha entrevista no diario El Mundo.

Hai case catro anos, dos seis candidatos iniciais, só dous pasaron a segunda rolda: Soraya Sáenz de Santamaría e Pablo Casado, e este último impúxose sobre a que foi vicepresidenta do Goberno na votación dos compromisarios.

Aquel congreso extraordinario convocárase para elixir o sucesor de Mariano Raxoi; catro anos despois outro galego volverá liderar o partido conservador español.

Elección dos compromisarios

O 16 de marzo finalizou o prazo para que os afiliados puidesen inscribirse para participar e poder votar esta segunda feira en dúas urnas: unha para elixir o candidato e outra para votar os compromisarios que irán ao conclave de Sevilla.

O requisito para ser compromisario é estar afiliado e ao corrente do pago das cotas, algo que só podía facerse por transferencia bancaria nominativa. Cada afiliado abona cada ano un importe de 20 euros ao mes.

Dos 3.099 compromisarios que participan no congreso (aos que hai que sumar os 439 natos), Andalucía pola súa dimensión e poboación é a que máis achega, con 525 delegados; a seguir, Comunitat Valenciana (379); Castilla y León (338), Galiza (316); Madrid (259) e Castilla-La Mancha (224).

Por baixo están Canarias con 147 compromisarios; Balears con 114; Catalunya con 111; Extremadura con 109; Aragón con 108; Murcia con 103; Asturias con 63; Cantabria con 57; Euskadi con 54; La Rioja con 42; Nafarroa con 26; e Melilla e Ceuta con 29 e 27, respectivamente.

Ademais, o PP no exterior contará con 58 compromisarios e o Comité Organizador con 10.

Comentarios