A afiliación de Compromiso por Galicia abandona Ourense en Común

Adopta a decisión após o ‘’quebranto democrático’’ que supuxo a anulación das primarias nas que resultou electo Xosé Mosquera. Valora recuperar candidatura propia ás municipais.

Compromisoporgalicia

Ourense en Común fica sen o apoio da xente de Compromiso por Galicia, no que é o segundo ‘descolgue’ da plataforma cidadá nos últimos días, após o de Podemos. A afiliación de CxG, que participaba a título individual en Ourense en Común, abandona o proxecto, nunha decisión adoptada após o que cualifica de “quebranto democrático” en referencia á anulación das primarias, nas que fora eleito Xosé Mosquera, membro de Compromiso.

Os e as integrantes de CxG en Ourense consideran que Ourense en Común non representa os “mínimos valores democráticos exixíbeis nunha sociedade avanzada”. A formación galeguista valorará nos vindeiros días a recuperación dunha candidatura propia para o 24 de maio na cidade das Burgas.

A anulación das primarias nas que votaron 1.500 persoas, decisión de suspender o proceso adoptada nunha asemblea na que participaron non máis de 90 persoas, xerou unha treboada nesta plataforma. Acusacións de ‘carretaxe’ e de ‘instrumentalización’ foron cruzadas entre partidarios e detractores do proceso.

O coordenador territorial de CxG, Pérez Bouza, sinalou que non se falou nunca de manipulación de votou ou carretaxe até que se coñeceu que o gañador das primarias era de Compromiso. Entón, dixo, “de xeito inmediato” comezaron ser cuestionados os resultados. Lembrou que o regulamento do proceso electoral foi aprobado en asemblea.

Comentarios