Afectad@s polas preferentes e desafiuzamentos protestan ás portas do Parlamento


Pola volta de 300 persoas, principalmente de plataformas de afectad@s polo calote das preferentes máis tamén de colectivos que loitan contra os desafiuzamentos, concentráronse ás Portas do Parlamento autonómico para exixiren solucións.Un forte desplegue de medio cento de antidisturbios protexía a entrada á Cámara.

O inicio da IX lexislatura do Parlamento de Galiza comeza quente. Pola volta de 300 persoas concentráronse ao longo de toda a mañá fronte á Cámara autonómica, coincidindo coa sesión de constitución do novo parlamento. Na súa inmensa eran in tegrantes de plataformas de afectados polo calote das preferentes, procedentes de comarcas como Ferrolterra, Baixo Miño, Barbanza ou a propia Compostela. Mais tamén había membros de colectivos contra os desafiuzamentos. En medio dun impoñente desplegue policial (rúa cortada ao tránsito rodado e de peóns, medio cento de antidisturbios, oito grilleiras da Policía Nacional,...) os e as concentradas non descansaron nen un segundo en berros, cánticos e palabras de orde exixindo solucións.

Entre eles atopábanse, nos primeiros momentos, deputad@s nacionalistas como Carlos Aymerich ou Ana Pontón. O voceiro do BNMG, Francisco Jorquera, achegouse até os e as concentradas para amosar o apoio da frente ás súas reivindicacións. E tamén, nos momentos previos á constitución do parlamento, Xosé Manuel Beiras e o resto de elect@s de AGE estiveron cos e coas manifestantes, comprometéndose a levar á Cámara as peticións do colectivo, unhas 90.000 persoas na Galiza.

 Apupos aos coches oficiais

A medida que ían chegando coches oficiais para entraren no Parlamento, os apupos e asubíos dos manifestantes aumentaban de ton, mentres que durante horas e inasequíveis ao desalento, coreaban consignas como "Mans arriba, isto é un atraco", "Políticos do PP e banqueiros, todos ao caldeiro" ou "Non pode ser, nós a traballar e eles a roubar", para alén das xa clásicas "Non hai pan para tanto chourizo" ou "Non faltan cartos, sobran ladróns".

Entre as ducias de afectados estaba Xosé, de Arousa Norte, que xustificou a concentración en que "por moitos votos que obtivera, iso non exculpa a Feijóo de ser cómplice dun calote, o das preferentes e subordinadas, que fodeu a milleiros de galeg@s". Na mesma liña falou Ana, de Narón, que calificou de "vergoña" que "aí dentro (en referencia ao Parlamento) estén os do PP a falar de festa da democracia cando a nós os bancos nos roubaron o aforros de toda unha vida, e Feijóo e eses sabíano e nin fixeron entón nin fan nada agora".

Solucións, non promesas

Os e as concentradas exixían solucións ao calote, e un dos seus voceiros apuntou a que "a arbitraxe, que bancos e Xunta tanto falan, non nos soluciona a todos o problema", un problema que, lembran, "é un roubo a milleiros de familias". Nas múltiples e variopintas faixas que penduraban o protagonismo era para os banqueiros imputados pola Audiencia Nacional (sobre todo Gayoso e Pego) e para Feijóo. De feito, até había faixas en inglés e nas que se pedía a Europa "salvación fronte aos ladróns".

Unha delegación de afectados chegou a entrar no recinto do Parlamento, coa intención de pediren que lles permitisen entrar no hemiciclo para expor a situación deste colectivo, mais após uns minutos de conversa cos responsábeis, tiveron que abandonar a Cámara. Iso non desalentou aos e ás afectadas que se concentraban frente ao Parlamento, todo o contrario, pois rebodraron con máis forza os berros apuntando aos banqueiros e a Feijóo como responsábeis do calote.

Pola volta das doce e media da mañá, e tras dúas horas e media de concentración, os e as manifestantes abandonaron a protesta. Iso sí, como afirmaba Manuel, de O Salnés, "non estamoa a dicir adeus, senón até pronto. E máis vale que solucionen pronto o problema, pois imos vir máis, moitos máis".

Cortexo de AGE

Os e as deputadas electas da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) chegaron ás portas do parlamento acompañadas por un cento de persoas que, portando bandeiras da Patria e da II República, corearon lemas a prol da unidade da esquerda e incidindo en que con esta formación entraba no parlamento "a voz da rebelión da cidadanía galega". 

Comentarios