Afectados galegos polas preferentes denuncian no Congreso a ‘impunidade’ dos estafadores

en marea dominguez
photo_camera Xesús Domínguez

A Comisión de investigación parlamentar sobre a crise financeira que se realiza no Congreso tivo este semana presenza galega. A voz de Xesús Domínguez, portavoz da Coordenadora de plataformas de afectados por preferentes e subordinadas, que puxo sobre a mesa a “estafa” que sufriron ducias de miles de galegos, un calote que, denunciou, ficou sen castigo. “Venderon 1.832 millóns de euros en produtos tóxicos maisa multa foi de só 2 millóns”, criticou, referíndose ás caixas galegas.

Domínguez criticou o papel das autoridades, “que primeiro permitiron” a venda deste tipo de produtos tóxicos e despois determinaron que “os aforadores deberían contribuír con quitas” ao resgate bancario. A falla de vontade política en Galiza para esclarecer o sucedido evidénciase, dixo, en que a comisión sobre as caixas do Parlamento galego está “secuestrada” pola maioría absoluta do PP, que veta “comparecencias chaves”.

Nesa xornada estaba prevista a comparecencia nesa comisión de Clodo Montero, secretario nacional de CIG-Banca, mais que non puido acudir por un problema de conexión aérea, polo que o fará outro día. En conversa con Sermos Galiza, Montero indicou que o resgate bancario deu paso a un sistema financeiro “máis concentrado e centralizado” e que non ve que se aposta na banca social, ligara ao territorio”, senón que continúan “os vicios” de antes.

Unha denuncia esta, que a banca mantén a mesma política financeira que antes da crise, que se realiza na mesma Comisión do Congreso onde compareceron Luis de Guindos ou Rodrigo Rato, entre outros.

Comentarios