Afectad@s polo calote das preferentes solicitan ao Parlamento participar 'con voz' nos Plenos

Así llo fixeron saber á presidenta da Cámara a través dun escrito asinado por unha trintena de persoas estafadas.

Neste senso demandan poder tomar parte das sesións nas que se trate o asunto das participacións subordinadas e preferentes en calidade de "vítimas do abuso de confianza, estafa e roubo" por parte das entidades financeiras e, nomeadamente, de Novagalicia Banco.

Segundo o documento presentado en rexistro con data do 6 de febreiro --segundo informan diversas fontes-- o obxecto da súa solicitude é "poder explicar no pleno parlamentar" a súa experiencia propia como afectad@s e "ser ouvidos" perante o que consideran o seu dereito. Aliás, instan a Pilar Rojo a non impedir o seu acceso á tribuna de convidad@s malia a que en boa medida, as restricións impostas pola presidenta viñan argumentadas no acontecido con afectad@s polo calote das preferentes, ao que retrucan rexeitando seren "criminalizados".

Comentarios