mércores 14/04/21

A adxudicataria da estación de Manzaneda, baixo sospeita

Acusan a Xunta de conceder "sen publicidade" a xestión da estación de esquí de Cabeza de Manzaneda a unha empresa relacionada con compañías panameñas implicadas en casos de corrupción internacionais.
Estación de esquí de Manzaneda (Foto: Xunta da Galiza)
Estación de esquí de Manzaneda (Foto: Xunta da Galiza)

A Xunta da Galiza concedeu por adxudicación directa a xestión da estación de esquí de Cabeza de Manzaneda a Artabria Turismo SL, empresa creada hai 10 meses, sen experiencia no sector e "relacionada con sociedades radicadas en Panamá e con importantes casos de corrupción internacionais", segundo denunciou esta sexta feira, 5 de marzo, o deputado do PSdeG Juan Carlos Francisco na comisión de Economía do Parlamento galego.

A concesión foi realizada polo procedemento negociado sen publicidade, “sen concurso público, dun modo escuro e carente da máis mínima transparencia”, engadiu, sinalando que a empresa pertence a dous socios a través doutra sociedade intermedia, Cardagal Gestión.

Esta, á súa vez, “forma parte dun conglomerado de sociedades radicadas en Panamá”, país onde os membros da sociedade adxudicataria “teñen un conxunto de sociedades nas que interveñen como directivos persoas imputadas” en diversos casos.

"O rosario de causas inclúen", detallou Francisco, “lavado de capitais, transferencia ilícita de fondos ou casos de corrupción internacional como o relacionado coa empresa brasileira Odebrecht, corruptora de toda latinoamérica e parte do estranxeiro”. Esa empresa suscitou en 2016 a investigación co mesmo nome polo departamento de Xustiza dos Estados Unidos por subornos a presidentes e funcionarios de 12 países.

A Xunta defende a legalidade da adxudicación

A directora de Turismo na Xunta, Nava Castro, en resposta ao deputado socialista, xustificou que a adxudicación directa e sen publicidade á empresa Artabria Turismo SL da xestión da estación de esquí respondeu ao "interese público", pola "imperiosa urxencia" de que estas instalacións non estivesen fechadas ao iniciar 2021.

Castro defendeu a legalidade da adxudicación, que foi tramitada "sen anuncio de licitación", despois de que o concurso fose declarado deserto porque as dúas empresas que se presentaron incorreron en erros.

En concreto, a adxudicación realizouna directamente a sociedade pública Meisa-Manzaneda Estación de Inverno SA-, da que a Xunta é socia maioritaria, con máis de 49% do capital. Séguena a Deputación de Ourense, tamén con máis de 49%; e as participacións residuais de OCA Hotels -antiga xestora das instalacións-, con 0,62%; e os concellos de Trives e Manzaneda, con 0,14% cada un.

comentarios