sábado 08/08/20

Admitidas 76.907 peticións de voto por correo, máximo histórico nunhas eleccións galegas

Hai 40.776 sufraxios xa emitidos.

Traballadora de Correos (arquivo/EP).
Traballadora de Correos (arquivo/EP).

Correos admitiu un total de 76.907 solicitudes de persoas que desexan exercer por correo o seu dereito ao voto nas eleccións ao Parlamento da Galiza do 12 de xullo.

Esta cifra de peticións, no marco da pandemia, supón un máximo histórico en relación ás solicitudes de voto por correo dos procesos electorais galegos que viviu Galiza desde 2001, o último que inclúe na información que publica na súa web o Instituto Nacional de Estatística (INE) .

Do total de 76.907 solicitudes das que a sociedade pública informa nun comunicado, 67.975 presentáronse de forma presencial na rede de oficinas postais e 8.932, de forma telemática desde a web de Correos, mediante sinatura electrónica e aceptándose como sistemas de identificación válidos os certificados de persoa física recoñecidos polo Ministerio de Industria e o DNI electrónico.

Esta presentación telemática é unha medida extraordinaria adoptada con motivo da pandemia do COVID-19, para a protección da saúde dos votantes e do persoal de Correos nas eleccións vascas e galegas.

Até a pasada xornada, Correos xa entregara 67.102 solicitudes nas Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral na Galiza --25.142 na Coruña, 10.303 en Lugo, 10.390 en Ourense e 21.267 en Pontevedra--.

O solicitante ten de prazo ata o vindeiro venres, 10 de xullo, para depositar o sobre co seu voto en calquera dos preto de 8.600 puntos de admisión con que conta Correos en toda o Estado, no seu horario habitual e, como máximo ata as 14:00 horas, de acordo coa decisión de ampliación adoptada pola Xunta Electoral Central.

Até a pasada xornada, ademais, puxéronse ao dispor dos electores 50.230 documentacións electorais e xa se admitiron 40.776 votos por correo para as eleccións ao Parlamento da Galiza.

comentarios