Admitida a trámite a querela contra Baltar Pumar

O Xulgado de Instrución nº1 de Ourense admite a trámite a querela presentada pola Fiscalía contra o ex-presidente da deputación ourensá, José Luís Baltar.

O auto presentado polo xuíz prevé a declaración do ex-barón do Partido Popular, José Luís Baltar, e a doutros xefes de servizo e persoal contratado cuxo procedemento de contratación amosa diversas irregularidades. Segundo informan diversas fontes, o ex-presidente da Deputación de Ourense tería contratado a 104 persoas, directa ou indirectamente vencelladas ao Partido Popular, coincidindo coa celebración do último Congreso provincial do partido, en que saíu elixido presidente por Ourense, o seu fillo, José Manuel.

Aliás, o xuíz instrutor, Leonardo Álvarez, admitiría a trámite a denuncia presentada pol@s socialistas ourensáns hai tres anos, na que se denunciaban os devanditos contratos. Após coñecerse a investigación iniciada pola Fiscalía o pasado 28 de decembro, o líder d@s populares de Ourense durante os últimos vinte anos, asegurou sentirse moi "tranquilo".

Pola súa banda, desde o Partido Popular, Pedro Puy demandou "celeridade" na investigación á fin, dixo, de evitar "xuízos mediáticos e políticos". Neste senso, ao longo dos últimos días o PP viuse inmerso en múltiples investigacións por suposta prevaricación. Amáis do acontecido en Ourense, o alcalde de Santiago de Compostela, Ángles Currás, foi imputado no decorrer da Operación Pokémon xunto co seu xefe de gabinete. Até o de agora non se produciu ningunha demisión, malia as demandas dos grupos da oposición.

Comentarios