A "administración paralela" xestiona 1.737 millóns do orzamento da Xunta

Os entes instrumentais da Xunta moveron 14% do orzamento galego en 2020. A contía investida mediante estes entes foi de 1.737 millóns. O informe de fiscalización do Consello de Contas cuestiona varios aspectos da súa xestión económica.
A sede en Compostela de Agader, ente autónomo que non presentou a súa auditoría en 2020. (Foto: Europa Press)
photo_camera A sede en Compostela de Agader, ente autónomo que non presentou a súa auditoría en 2020. (Foto: Europa Press)

Coñecidas popularmente como "a administración paralela", as entidades instrumentais do Goberno galego xestionaron 1.737 millóns de euros procedentes do orzamento público en 2020, último ano no que as súas contas foron sometidas a fiscalización. Neste sentido, o volume de fondos públicos manexados a través destes entes achegouse a 14% do total do orzamento da Xunta, o que representou un importante incremento en relación con anualidades pasadas.

As achegas dos orzamentos da  Xunta da Galiza ás entidades instrumentais non deixaron de medrar desde 2016. Así, nesa anualidade, o Goberno galego transferiu a estes organismos 1.616 millóns de euros, representando en 2020 7% máis. Neste período, incrementou de xeito exponencial o diñeiro dedicado ás axencias, que sumaron no último exercicio fiscalizado 875,9 millóns de euros.

As dúbidas pairan sobre as entidades instrumentais. A este respecto, o Consello de Contas sinala no seu recente informe -referido a datos de 2020- que o Goberno galego "non puxo en marcha o rexistro de entidades dependentes previsto nesta norma e no que se deberían inscribir, preceptivamente, a constitución de entidades e demais actos que se determinen regulamentariamente", o que converte "Galiza nunha excepción dentro das comunidades autónomas, dificulta a delimitación das entidades que segundo a nosa normativa deben ter a consideración de sector público autonómico e introduce un risco potencial derivado da falla de aplicación das obrigas propias das entidades integrantes do sector público".

O ente fiscalizador galego cuestiona a xestión dos entes autónomos. Nesta liña, afirma que "a diferenza do acontecido na Administración do Estado e noutras comunidades, a Xunta da Galiza optou por empregar o modelo de axencias para xestionar de xeito descentralizado importantes áreas de gasto". Así, en relación con estas, asevera que "respecto ás axencias, a revisión da información dispoñíbel non acredita que se estean a aplicar os mecanismos de xestión transparente por obxectivos como son o contrato plurianual de xestión e o plan de acción anual". Asemade, lembra que a  Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico da Galiza "estabelece o prazo para a aprobación do contrato plurianual de xestión, previsión que non se está a cumprir nalgúns dos casos analizados".

A política de contratación e persoal destes instrumentos tamén é sinalada polo Consello de Contas. Nesta liña,  indica que "as entidades están obrigadas a ofrecer información sobre a contratación administrativa do exercicio, pero algunhas entidades non ofrecen esta información", destacando que "as fundacións e sociedades mercantís non ofrecen ningunha información sobre esta cuestión". Ao tempo, significa que a información achegada non "contén a distribución e retribucións por categorías, a distribución por tipo de contrato e nivel profesional e unha explicación sobre a variación da masa salarial e do número de efectivos no exercicio".

Sen control

A ausencia de mecanismos de control efectivos por parte da Xunta é outra eiva . Nesta dirección, o Consello de Contas destaca que "non se realizaron nas entidades instrumentais controis de eficacia ou auditorías operativas que traten de verificar o cumprimento de obxectivos, a boa aplicación dos fondos recibidos e a subsistencia". Na mesma orientación, advirte que "o control exercido baséase no sistema de fiscalización previa de legalidade sen que se realicen auditorías sobre as contas anuais destas entidades".

18 entidades non presentaron informe de auditoría en 2020 e 44 deles foron informados desfavorabelmente. Así, non achegaron información entes, como,  a Escola Galega Administración Pública (EGAP), o Instituto Galego Vivenda e Solo (IGVS), o Instituto Galego Estatística (IGE) ou  aAxencia Galega Desenvolvemento Rural (AGADER).

Máis fondos

O Partido Popular retornou ao Goberno galego en 2009 comprometéndose a reducir a "administración paralela", tecida, fundamentalmente, nos 16 de anos de Manuel Fraga na Presidencia da Xunta. Porén, máis dunha década despois as transferencias de diñeiro público aos entes autónomos non deixou de incrementarse.

Comentarios