Adiada a dragaxe da ría do Burgo malia as promesas electorais

O goberno español amplía até xullo a presentación de alegacións polo que, de comezar, os traballos poderían demorarse até 2018.

Ría do Burgo
photo_camera Ría do Burgo

Malia se comprometeren en período electoral a que os traballos de dragaxe da Ría do Burgo (A Coruña) comezarían o vindeiro ano, a última decisión adoptada polo Ministerio de Medio Ambiente podería demoralos até 2018. 

Segundo lle foi comunicado á Mesa da ría na segunda feira (4 de xaneiro) o período para a presentación das alegacións ao proxecto ampliarase até xullo deste ano. Unha decisión que contravén o anunciado no mes de novembro e durante a campaña electoral na que se fixou un prazo que remataba a vindeira semana. 

Desde a Mesa da ría aseguran que o executivo español actuou "depresa e correndo" para garantir que o proxecto de dragaxe estivese publicado no BOE "antes das eleccións do 20 de decembro". Pasado o día, pasada a romaría. 

Para o colectivo social este feito constitúe unha "auténtica tomadura de pelo" e poñen en dúbida que poida chegar a executarse sen caer "no caixón do esquecemento". Entre outras cuestións, subliñan, porque o custe da operación de dragaxe da ría ascende a 46,3 millóns de euros e nos Orzamentos do Estado só se orzamentou 1 millón para o vindeiro exercicio (2016) e de 7 millóns para a lexislatura completa, ficando no ar case 40 millóns. 

Comentarios