O PSdeG acusa a Xunta de preparar a “liquidación” do Centro galego de Bos Aires

A deputada Marisol Soneira dá a coñecer unha resolución publicada no Boletín Oficial de Arxentina pola que notifica que os gobernos galego e español substitúen por unha mutua privada creada 'ad hoc' ao Centro Galego da xestión da Obra Social dos Inmigrantes e descendentes residentes.

Centro-Galego-Bos-Aires

O goberno galego está a propiciar a “liquidación” do Centro Galego de Bos Aires e o “saqueo” do seu patrimonio para deixalo en mans particulares. Esta é a denuncia que fai Marisol Soneira, voceira de Emigración do grupo parlamentar do PSdeG. Soneira denunciou o que cialifica de “traizón á nosa historia e á nosa identidade” por parte de Feijóo.

A parlamentar apresentou unha batería de iniciativasna Cámara logo de coñecer a publicación no Boletín Oficial da República Arxentina dunha resolución pola que da conta da decisión dos executivos galego e español e afastar ao Centro Galego da xestión da Obra Social dos Inmigrantes e os seus Descendentes Residentes (Ospaña) na República Arxentina, “para substituílo por unha mutua privada creada ad hoc.”

Soneira lembra que a Obra Social foi creada en colaboración co goberno central, a Xunta e as autoridades arxentinas “para dar cobertura sanitaria a tódolos inmigrantes e descendentes en Arxentina a través do Hospital do Centro Galego”. Con esta decisión, explicou, o Centro Galego, que formaba parte dos órganos de dirección de Ospaña, “deixa de ter voz nin voto na toma de decisións”, polo que este “convértese nunha Obra Social mais das tantas que hai na Arxentina”.

Esto pon en perigo, dixo Soneira, a supervivencia do propio Hospital e do Centro Galego, que ten un patrimonio composto por obras de tódolos artistas galegos no exilio, unha biblioteca de 20.000 volumes e a fonoteca coas intervencións dos “pais da patria galega”, ademais do patrimonio inmaterial do Hospital no que finou o propio Castelao, e que hoxe está “pendente dun fío”.

Denunciou que o goberno galego dera o “visto e prace” a “liquidar” o Centro Galego constituíndo unha mutua “creada ad hoc para quedarse gratis total co patrimonio galego” en “beneficio duns poucos particulares a custe cero”. Soneira situou no epicentro da operación ao delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro Dobarro, tamén presidente do PP de Arxentina e vicepresidente de Ospaña.

Comentarios