Actos de inauguración e campañas oficiais de propaganda, prohibidos de novo desde esta terza feira

O decreto de convocatoria das eleccións xerais publicarase esta terza feira, 30 de maio. 
A Loreg prohibe de novo os actos de inauguración e as campañas institucionais de propagada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Loreg prohibe de novo os actos de inauguración e as campañas institucionais de propagada. (Foto: Nós Diario)

A publicación esta terza feira, 30 de maio, do decreto de convocatoria de eleccións etatais do 23 de xullo abre un novo período electoral en España apenas 24 horas despois de fecharse o das eleccións municipais do 28 de maio, e iso supón que de novo volverán estarán prohibidos os actos de inauguración e as campañas institucionais de propagada ata a mesma xornada electoral.

Conforme ao estabelecido na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg), unha vez publicado o decreto de convocatoria comeza oficialmente o período electoral das estatais, e iso supón unha serie de normas para asegurar a neutralidade dos poderes públicos.

Só anuncios informativos

É dicir, que nestes próximos 54 días estará en vigor a prohibición de realizar actos de inauguración e campañas de propaganda institucional para difundir logros de lexislatura. A mesma prohibición que rexeu nos 54 días anteriores aos comicios locais.

Ese deber de neutralidade dos poderes públicos é o que provocou que na campaña das municipais se abriran dous expedientes sancionadores á ministra portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, e cuestionáronse tamén comparecencias doutros cargos públicos de ámbito autonómico de distinto signo político.

Nos próximos 54 días só se permitirán as campañas informativas "que resulten imprescindibles para salvagárdaa do interese público ou para o correcto desenvolvemento dos servizos públicos", pero sen "connotacións electoralistas nin alusións aos logros obtidos polos poderes públicos".

Esta condición permite “indultar” as campañas da Dirección Xeral de Tráfico ou os anuncios puramente informativos sobre a inscrición nas listas do censo electoral ou sobre a data da votación, o procedemento para votar e os requisitos e trámite do voto por correo.

Deber de obxectividade dos poderes públicos

E é que, segundo a Xunta Electoral Central (XEC), garante do cumprimento da normativa electoral, os poderes públicos non poderán realizar ningunha campaña institucional que "atente contra os principios de obxectividade e transparencia do proceso electoral e de igualdade entre os actores electorais".

En concreto, segundo reza o artigo 50 da Loreg, desde a convocatoria dos comicios até a súa celebración, quedará prohibido "calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos, ou que utilice imaxes ou expresións coincidentes ou similares ás utilizadas nas súas propias campañas por algunha das entidades políticas que concorren ás eleccións".

Nunha resolución, a XEC especificou que non se poderán, ademais, repartir libros, revistas, folletos, cadernos, catálogos, trípticos, soportes electrónicos; enviar correos electrónicos ou SMS; distribuír contidos por bluetooth; inserir anuncios nos medios con alusións aos logros obtidos por calquera poder público; ou usar imaxes, sintonías ou expresións similares empregadas polos partidos nas súas propias campañas electorais.

Nada de "vender" logros

Tampouco se permitirá realizar actos de inauguración de obras ou servizos públicos, ou proxectos destes, sen prexuízo de que ditas obras ou servizos poidan entrar en funcionamento nese período electoral.

A XEC non inclúe neste apartado as inauguracións institucionais de congresos, feiras de mostras, festivais ou festas populares que se celebren de forma periódica en datas coincidentes cun período electoral.

Pero, iso si, sempre que nin na organización do evento nin nas intervencións se realicen alusións aos logros das autoridades intervintes, nin tampouco se induza o sentido de voto dos electores.

Comentarios