PONTóN

Pistolada de saída da refundación do BNG cun acto masivo en Pontevedra

O Proceso Adiante de refundación que desenvolve o BNG ao longo do país visitou na mañá do domingo en Pontevedra. Un acto masivo no que a formación nacionalista amosou a súa fortaleza ante a previsíbel repetición das eleccións xerais e ante as eleccións galegas.

ana2

Na véspera de conmemoración da Revolución dos Cravos, o Bloque quixo ensinar músculo. Fíxoo nun acto masivo que serviu como pistolada de saída do proceso de refundación Adiante. Tamén foi esta a primeira grande intervención pública de Ana Pontón após presentar perto de 900 avais para se candidatar á presidencia da Xunta.

Ana Pontón reivindicou na súa intervención a traxectoria do BNG en defensa do país como a mellor fortaleza da formación nacionalista antes as dúas posíbeis citas electorais, “dicimos coa cabeza alta que temos pasado, que temos tras de nós unha historia centenaria. Non chegamos de novo, nin vimos coas mans baleiras porque levamos anos aquí dando a cara por este país, defendendo aos galegos e galegas”.

Pontón: "A política máis vella de todas é a do rancio centralismo español e a subordinación de Galiza"

A portavoz nacional do BNG chanceou na súa intervención sobre a “nova e a vella política”, “nestes tempos en que se puxo de moda falar do novo e do vello, dígovos que a política máis vella de todas é a do rancio centralismo español e a subordinación de Galiza”, convencida de que “ninguén vai vir de fora a sacarnos as castañas do lume”.

Sen caer na compracencia

Ana Pontón apelou a non caer na compracencia, ao entender que recoñecer os erros é o punto de partida para recuperar o apoio social e electoral. “Asumamos os erros e as dificultades do momento. Existen, mais deben ser aliciente para superalos e abrir unha nova etapa para o nacionalismo e para Galiza”.

Pontón: “A unidade que nos fará avanzar é a unidade das que acreditamos nunha Galiza dona do seu destino”

A portavoz nacionalista requiriu a “implicación” das bases no proceso de refundación “con convicción e confianza no nacionalismo e no BNG” para “saír a por todas”. Apostou en “abrir a organización, mellorar e corrixir os erros” para avanzar no proceso e apelou a “tecer consensos duradeiros para unir todas as nacionalistas”. “A unidade que nos fará avanzar é a unidade das que acreditamos nunha Galiza dona do seu destino”, engadiu.

Unha candidatura que una todas as persoas nacionalistas

Sobre a candidatura, Ana Pontón afirmou que “se queremos ser independentes e actuar como os pobos libres, precisamos ter organizacións independentes, cos seus centros de decisión en Galiza”. “Por iso avogamos por sumar a todas e todos os nacionalistas nunha candidatura común,  sen dependencias de forzas estatais. Sen sucumbir aos cantos de serea que nos levan a outros portos que non son os nosos”, salientou.

Tamén houbo palabras para os sete anos de xestión de Feijóo á fronte da Xunta. “Un Feijóo que ten a súa moral en B, como o financiamento do PP, que sempre traizoa os intereses de Galiza e que gobernou sen corazón”.

Pontón: "As denominadas forzas da esquerda española deixaron claro ao longo destes meses de xogos florais que a proclamada prioridade de derrotar a dereita era un slogan electoral"

A portavoz do Bloque tamén cargou contra as “denominadas forzas da esquerda española que deixaron claro ao longo destes meses de xogos florais que a proclamada prioridade de derrotar a dereita “era un slogan electoral”. Así, sobre o escenario estatal, a nacionalista lamentou que Galiza estivese “desaparecida” no debate, mentres todos os deputados electos polo país “quedaron reducidos a comparsas dos intereses das forzas estatais”.

Neste contexto, Ana Pontón pediu un novo status para Galiza, para o que é fundamental “ter as ferramentas propias dunha nación con dereito a decidir”.

Comentarios