NOVA CONVOCATORIA CIDADá PARA ESTA SEXTA FEIRA

O activista da unidade

Se hai alguén que o estea a dar todo pola unidade ese é Suso de Toro. Un dos nomes indiscutíbeis da literatura galega está a mostrar un activismo incansábel a prol dunha confluencia que, todos os dados así o indican, non chegará. Mais o autor de A sombra cazadora non se rende: acaba de lanzar unha convocatoria para esta sexta feira, através da súa conta twitter: chama a xente a saír a rúas e prazas e a clamar pola unidade.

Suso de Toro 640
photo_camera Suso de Toro

No mundo virtual e no mundo real, no dixital e no analóxico, na conversa orella a orella e nos batepapos. En todos eses ámbitos é posíbel acharmos Suso de Toro e a súa teimuda e afouta aposta na unidade. Cando todas as pontes parecen rotas -e os míseis dialécticos sobrevoan as cabezas dos en aparencia chamados a atoparse, e os campos están minados-, eis o tendes, desta última volta através da súa recén estreada conta twitter, a pedir a ese ente abstracto chamado cidadanía que se concretice, que se materialice, que se concentre nas rúas e nas prazas do país esta sexta feira, de 20 a 21.30.

-Esta convocatoria é un chamado moi particular, feito por un individuo chamado Suso de Toro. A impresión é que te estás tomando este asunto como algo persoal.

-Efectivamente. Para min a política é algo persoal. As causas son algo persoal. Este é meu país, é meu destino, éo deliberadamente, eu optei porque o fose. E, claro, é algo moi persoal. O meu país é meu. Non é meu en exclusiva, claro, mais é meu. É un lazo de decisión e de responsabilidade. Eu entendo que o que estamos a viver agora é un momento semellante ao que ocorreu no ano 77 e 78. Resúltame insoportábel a irresponsabilidade [dalgúns]. Eu asumo a miña. Quero firmar a miña. E de feito comprendo a fatiga dos compañeiros e compañeiras que levamos meses...pero non podo entender a xente que enche a boca con Galiza, coas causas sociais, e logo non dá a batalla para obrigar, para obrigar os partidos que din ser de esquerdas e din levar algo de Galiza dentro, para os obrigar a asumiren as súas responsabilidades. Teñen responsabilidades e terán culpa. O que rompa o proceso de unidade e desaproveite a ocasión terá culpa e o que venda un cacho do país por unha conveniencia persoal terá culpa. Iso ten un nome. Son palabras maiores.

-Ese individuo chamado Suso de Toro está a se encontrar con algúns outros individuos?

-Si, si, felizmente hai máis persoas. A ver, uns cansan, outros enferman, levamos moito tempo con isto..., eu mesmo tiven que parar, agora estou de volta, estamos de volta até o final, nas horas que quedan...Si que hai outras persoas [no chamado á xente a saír a rúas e prazas esta sexta feira]. Podo falar de Xosé Miranda, de Vítor Vaqueiro, de volta a casa andarei a ollar o twitter, a ver quen está rulando os chamados por aí. Isto é cousa de cada un. Eu aprendín. Fun militante de partido e como militante agardaba a que o partido tomase as decisións, mais logo andei por libre e aprendín a tomar decisións persoais e a asumir responsabilidades persoais. E aprendín de Nunca Máis, Nunca Máis aprendeunos cousas, aprendín que non hai que esperar por ninguén, eu teño convocado hai anos concentracións por telefone móbil, daquela non había redes sociais, e non tiña medo a facelo. Quen nos priva de saír á rúa e demandar o que queremos? Os partidos fináncianse cos nosos impostos. Temos direito a lles exixirmos cousas. Eu que vou perder? Que me poden facer? 

-Estache decepcionando alguén en particular?

-Son consciente de que o que estamos a facer molesta a quen ten unha estratexia deliberada, a de negarse a construír a unidade mentres por diante se di querela. Hipocresía. Grande hipocresía. Para quen ten esa estratexia e vai coa máscara posta, para esa xente son moi molesto. O que farán será desacreditarme persoalmente. Se eu fose unha persoa ruín e sen principios, o que faría sería destruír moralmente esa persoa. Sei quen o fai e quen o fará.

-Fica en ti algún átomo de optimismo?

-Optimismo non, mais non teño a certeza de que todo está perdido. Talvez ao final consigamos que aqueles que din querer a unidade, mentres por detrás fan todo por destruíla, se vexan obrigados a non deixar mal as súas palabras. 

-Agardas atopar mañá xente nas rúas? Agardas resposta ao teu chamado?

-Espero atopar xente. Se é certo que hai xente que desexa esa candidaura, que se vexa. Que non se ve? Pois non pasa nada. Eu o medo ao ridículo perdino hai moitos anos, cando comecei a publicar. Eu xa estiven na comisaría. Hai que combater a cultura da desidia, da falta de responsabilidade. Os partidos compórtanse como se comportan porque non hai unha cidadanía exixente. Fai falta esa cidadanía. Hai que aprender de Catalunya. En Catalunya haina.

-Non che pareceu alucinante o silencio mediático face o chamamento realizado esta semana por un destacado elenco de figuras da nosa cultura?

-Indubidabelmente. Este país non se decata...este país non se decata de que esta candidatura [de unidade] se existise liberaría e concitaría unha cantidade de enerxías sociais, humanas, cívicas, culturais...este país ten unha enorme cantidade de enerxía humana, esa candidatura levantaría un torrente de ilusión enorme. Seríamos a segunda lista despois do PP nas xerais, teríamos un grupo parlamentario galego propio e soberano, Galiza existiría politicamente por vez primeira fóra da Galiza e dentro da Galiza iso aglutinaría un torrente social que nos levaría ao goberno galego. Quen non vexa iso é culpábel. Quen non desexa iso é culpábel. Que me destrúan. Tanto me ten. Este é o meu país e non teño outro.
 

Comentarios