A activación da XI Lexislatura dá un paso máis coas consultas aos portavoces

A activación da XI Lexislatura dá un paso máis hoxe, día 24 de agosto, coa rolda de contactos que o presidente do Parlamento de Galiza, Miguel Santalices, manterá cos representantes das formacións políticas que conforman o arco parlamentario do Pazo do Hórreo e que concluirá coa proposta de candidato á Presidencia da Xunta.

pARLAMENTO
photo_camera O hemiciclo presenta nesta nova lexislatura nova aparencia coas mamparas instaladas para previr a Ccvid-19.

O presidente da Cámara galega recibirá de forma individual os representantes das forzas políticas a partir das 10.30 horas e comunicará a decisión unha vez finalizadas as entrevistas. En concreto, en primeiro lugar reunirase co representante que designe o PSdeG, seguido do BNG (11 horas) e do PP (11.30 horas).

O Lexislativo galego lembrou que o regulamento da Cámara estabelece que o presidente do Parlamento, consultados os representantes designados polos partidos ou polos grupos políticos con representación parlamentaria, proporá de entre os parlamentarios un candidato á Presidencia da Xunta.

A proposta debe formular como máximo no prazo de 30 días desde a constitución do Parlamento, que tivo lugar o pasado día 7 de agosto.

Investidura os días 1 e 3

A Xunta de Portavoces ratificou a pasada segunda feira, día 17 de agosto, que o debate que culminará coa investidura do popular Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta decorrerá no Parlamento os días 1 e 3 de setembro, nun calendario que coincide co do lehendakari vasco Iñigo Urkullu.

A previsión é que Feixoo tome posesión do seu cargo o 5 de setembro. Inmediatamente, designaría o seu Goberno.

Por outra banda, a pasada quinta feira quedaron constituídas as distintas comisións parlamentarias que funcionarán na próxima lexislatura así como a Deputación Permanente, órgano reitor da Cámara en períodos nos que o pleno non está hábil.

Comentarios