A actitude de Pedro Sánchez incomoda a dirección do PSdeG de Gonzalo Caballero

Tensión polas concesións a Feixoo.
Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez no mitin deste domingo (Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez no mitin deste domingo (Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Gonzalo Caballero é un dos contados dirixentes territoriais do PSOE que teñen saído a criticar publicamente o acordo da súa formación con Bildu. A unha pregunta dos medios de comunicación, non dubidou en sinalar a pasada sexta feira que “o PSdeG non quere ningunha alianza con Bildu” e apuntouse así á liña iniciada por outros cadros do partido na Galiza, como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen após afirmar que con “Bildu nin os bos días” remachou a súa intervención engadindo que con esta organización “non hai nada que facer”.

As críticas de Gonzalo Caballero agochan máis que unha discrepancia puntual. Segundo fontes socialistas consultadas por Nós Diario, o secretario xeral do PSdeG aproveitou a ocasión para dar un toque de atención a Pedro Sánchez, cansado dos desplantes do presidente do Goberno español e indignado pola falla de apoio á súa candidatura á presidencia da Xunta. Estas fontes sinalan que as dificultades sanitarias, económicas e sociais que padece o Estado non poden servir de escusa “para deixarnos abandonados ás portas dunhas eleccións nas que nos xogamos moito”. 

As queixas pola falla de apoio da dirección central do partido á campaña dos socialistas galegos chegan ás diferentes esferas da formación. Así, por exemplo, persoas próximas ao secretario de organización do PSdeG demandan “un compromiso real de cara ás eleccións galegas” e consideran que “a posición de Ferraz e sobre todo de Moncloa desmobiliza unha afiliación actualmente moi desanimada polas circunstancias políticas”. “Se queremos que a nosa militancia e a sociedade galega nos tomen en serio os activos electorais teñen que estar en primeira fila, e Pedro Sánchez segue a ser o noso principal activo”, destacan desde o círculo do número dous dos socialistas galegos, José Antonio Quiroga.

Alcaldesas, concelleiras e dirixentes locais do partido son conscientes desta realidade. Nesta liña, un alcalde socialista da Terra Chá lamenta, en declaracións a Nós Diario, que se senten “abandonados”. “Malia ser Galiza o primeiro lugar onde as políticas de Sánchez se someten a referendo tras a crise do coronavirus, desde o Goberno de Madrid non hai ningún xesto connosco. De feito, están paralizando temas da súa competencia referidos a concellos socialistas”. “A nosa xente non é parva e dáse conta desta situación e actúa en consecuencia, ou Madrid cambia de postura ou vai ser moi difícil mover as nosas bases na vindeira campaña electoral”, conclúe.

Unha volta á  década dos noventa

Un veterano militante do PSdeG, bo coñecedor do partido após moitos anos con responsabilidades internas, sinala que esta sensación non é nova. “O ambiente que se vive hoxe entre as dirixentes do partido pero tamén nunha parte dos cadros locais garda semellanzas con aquelas campañas da década dos 90, onde existía a percepción interna de que o partido en Madrid e Felipe González apoiaban a continuidade de Manuel Fraga á fronte da Xunta para debilitar o liderado de José María Aznar”, conclúe este antigo dirixente, quen ten o convencemento de que Sánchez desexa “como o que máis un Goberno socialista na Galiza”.

A posición de Sánchez a respecto do calendario dos comicios galegos non gustou nas filas socialistas, que lle critican ao presidente do Executivo estatal ter permitido a Feixoo adiantar a xullo ás eleccións na Galiza, malia a situación sanitaria e as advertencias das persoas expertas. Neste sentido, consideran que Feixoo foi o principal beneficiado da modificación das disposicións do estado de alarma, cando o voto do Partido Popular non determina a continuidade das medidas de excepción. Ademais, séntense molestas por saber pola prensa das negociacións da ministra Carmen Calvo co presidente galego, unha liña de diálogo que se ten intensificado nas últimas semanas.

A dirección do PSdeG considera excesivas as concesións do Executivo estatal a Feixoo. Segundo puido saber Nós Diario, as socialistas galegas vanlle “demandar compromisos firmes e inequívocos” a Sánchez e “un apoio claro na campaña”. “Unha cousa é que os comicios non sexan unha prioridade para el, dadas as actuais circunstancias e os retos que ten por diante, e outra ben distinta é que non achegue a súa colaboración nunhas eleccións onde de maneira evidente se somete a referendo a súa xestión na crise do coronavirus e o seu liderado”, destacan estas mesmas fontes. Ao tempo, recoñecen que os termos da participación de Sánchez na precampaña e na campaña galega aínda están por concretar

Comentarios