O acordo orzamentario PSOE-Unidos Podemos non contempla ningunha actuación específica para Galiza

En Marea no Congreso español presentara a inicios deste mes a súa ‘Axenda Galega do Cambio’, documento que trasladou ao goberno español e no que se recollían diferentes demandas e reivindicacións.

Congreso

O documento que recolle o pacto acadado entre PSOE e Unidos Podemos para os orzamentos xerais de 2019 consta de 50 páxinas. Divididas até en 14 apartados que tratan cuestións que van desde a fiscalidade até o emprego, desde a cultura até vivenda ou pensións e axudas ás familias. Non hai ningunha medida especificamente dirixida ou centrada en Galiza, para alén de todas aquelas xenéricas e que, loxicamente, tamén afectan a cidadanía galega.

En Marea ten 5 deputados e deputadas no Congreso español. Unha delas, Yolanda Díaz, escribiu nas redes sociais após se coñecer o acordo entre ambas as dúas formacións: “Dixemos que queriamos uns orzamentos coa xente dentro e coido que o acadamos. Gran parte dos recortes do PP en traballo, seguridade social, vivenda, ciencia fican fóra”.

Tamén Antón Gómez-Reino, congresista e candidato nas primarias de Podemos Galiza, saudou o pacto atinxido entre PSOE e Unidos Podemos no seu twitter: “Esta noite dimos o que (creio humildemente) é um pequeno grande paso. Um pre-acordo para melhorar as vidas da gente, as nossas vidas…”.

A inicios deste mes de outubro os deputados e deputadas de En Marea no Congreso presentaban a ‘Axenda galega do cambio’, unha serie de demandas que trasladaron ao goberno español. Aí estaban cuestións como o traspaso da AP-9, demandas en ferrocarril (“vertebración interna do país (…), reforzo da media distancia zonas metropolitanas de Vigo e Coruña”, “unha ría sen ENCE”, etc…

Ningunha delas aparece no documento de pacto para os orzamentos xerais do estado de 2019. Un documento, cómpre dicilo, no que non se fai referencia non só a Galiza senón a ningún outro territorio do Estado.

Comentarios