O acordo PP-Cs para a conformación da Mesa do Congreso preludia unha alianza para a investidura

Rajoy e Rivera alcanzaron esta segunda feira un acordo de grande alcance que pode desbloquear a situación política e dar a chave ao líder conservador para reter a Moncloa. Cs consegue 2 prazas na Mesa (pola aritmética eleitoral non tiña dereito a ningunha) e o PP obtén a presidencia do Congreso. Se finalmente Rajoy consegue 170 votos afirmativos, a presión sobre Sánchez pode ser insoportábel para o líder socialista.

rivera-rajoy
photo_camera Imaxe dun encontro Rajoy-Rivera na Moncloa

O acordo para a conformación da cámara dificilmente se pode desligar das negociacións para a investidura, así que a leitura en primeira instancia é que Rajoy está agora máis perto do si de Cs á súa candidatura á presidencia do goberno.

Fontes próximas a Sánchez afirman que se Rajoy consegue o si de Ciudadanos para a segunda votación da investidura -na primeira está garantido que votarán que non- a presión sobre o líder do PSOE podería ser dificilmente aturábel. O PP podería presentarse con 170 votos afirmativos, contando tamén o de Coalición Canaria. Ficaría a tan só 6 da maioría absoluta. Un sector moi influente do PSOE -a comezar polo seu líder histórico, Felipe González, e pola maior parte dos baróns, entre eles Susana Díaz- defenden que nesa conxuntura o PSOE se absteña, tire o nó ao taboleiro -o hung parliament, parlamento colgado- e permita así a abertura dunha nova etapa política.

O acordo PP-Cs fraguose a partir de varias chamadas telefónicas entre os líderes dos dous partidos. A alianza outorga maioría absoluta ao bloco de centro-direita no órgao de goberno da Cámara (3 PP, 2 Cs).

Mentres, a división continúa a reinar no bloco de centro-esquerda. Non se albisca entente entre PSOE e Podemos. O partido morado presenta como candidato á presidencia do Congreso Xavier Domènech, de En Comú Podem, que obviamente carece de calquera hipótese de se facer co cargo. Pablo Iglesias declarou que o apoio do PSOE a Domènech facilitaria a eventualidade dun goberno presidido por Pedro Sánchez. Neste momento ese cenario parece máis ben ciencia ficción.

Cs mantén formalmente o discurso oficial do partido e enfatiza que non votará Rajoy mentres non se producir a "rexeneración" do PP

Todos os analistas consideraban que a negociación para a conformación da Mesa da Cámara permitiría albiscar por onde irían os tiros das conversas entre as distintas forzas para sustanciar a investidura e evitar novas eleccións. O feito de Cs se facer con dúas prazas na Mesa cando apenas dispón de 32 escanos -grazas ao apoio do PP- carga de razóns ás e aos observadores políticos que intúen un si final de Rivera a Rajoy: está claro que a formación conservadora pasará a factura ao partido laranxa.

Porén, esta mesma mañá Rivera mantivo o discurso oficial do partido. Lembremos que a súa Executiva decidiu votar non na primeira votación e absterse na segunda. Formalmente Cs non se moveu daí. Nunha súa palestra na Complutense esta mesma segunda feira, Albert Rivera cualificou o movimento do seu partido na negociación da Mesa do Congreso de “pasiño” adiante para desbloquear a situación, mais deixou entrever que non están dispostos a ir máis alá -isto é, votar Rajoy como presidente- en tanto en canto o PP non dea mostras de rexeneración.

Dito doutro xeito, se non hai renovación no PP “non hai pactos posíbeis”, veu dicer o líder do partido laranxa. Sinónimo de rexeneración? Si, de rexeneración entendida como que Rajoy deixe paso a outro diixente para liderar o goberno. Algo que a día de hoxe tamén parece ciencia ficción.

En todo caso, a práctica de Cs até o de agora non se ten caracterizado pola estabilidade das súas decisións tácticas, senón máis ben polos zigzagueos permanentes, como os que levou a Rivera a pasar de se afirmar como indiferente entre Sánchez e Rajoy a finalmente apoiar a investidura daquel. No PP confían -e no PSOE temen- que agora repita a xogada, só que votando Rajoy e non Sánchez.

Comentarios