Acordo para declarar Galiza zona altamente dependente da pesca

O Parlamento procurará unha maior protección deste sector estratéxico para a economía do país.
Rosana Pérez é deputada polo BNG (Foto: Parlamento galego).
photo_camera Rosana Pérez é deputada polo BNG (Foto: Parlamento galego)

O Parlamento galego resolveu por unanimidade demandar ao Goberno español que leve a cabo os trámites necesarios ante as autoridades da Unión Europea para a declaración da Galiza como 'zona altamente dependente da pesca', como medio para unha maior protección do sector e para a mellora do seu acceso ás cotas de pesca e ao financiamento da súa actividade produtiva.

A Cámara tamén acordou instar o Goberno estatal a lograr a revisión do 'principio de estabilidade relativa' de cara a conseguir unha repartición "equitativa" e "axustada" ás capacidades de cada país. Así figura na iniciativa presentada pola deputada Rosana Pérez (BNG) e que contou co apoio do PP e PSdeG. 

Porén, a unanimidade rompeu na votación dos outros puntos da proposición do Bloque.

O primeiro foi aprobado cos votos de nacionalistas e populares e demanda reclamar ao Estado que recoñeza a capacidade da Galiza para negociar directamente en cuestións que afecten á súa economía e, en concreto, a pesca; así como expor a elaboración de plans de contixencia e apoio económico ante as consecuencias do Brexit.

O resto da iniciativa quedou rexeitada pola oposición do PP e nela o BNG pedía a inclusión no Consello galego de pesca dos grupos políticos con presenza no Parlamento e a articulación dunha comisión na Cámara galega sobre o acordo do Brexit.

Durante a defensa da iniciativa, Rosana Pérez afeou o papel que tivo a Xunta no marco da negociación do Brexit e as súas consecuencias para a Galiza.

A nacionalista incidiu en que as palabras da conselleira do Mar, Rosa Quintana, sobre que "había que eliminar mariñeiros" para adaptar Galiza ao contexto actual deberían supor a súa saída do cargo. "Habería que eliminar moitas cousas antes que eliminar mariñeiros", apostilou Rosana Pérez. 

Comentarios