Un acordo con Compostela Aberta permitirá ao PSOE aprobar os orzamentos

O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, presentou onte o proxecto de orzamentos para este 2020 que o Goberno municipal aprobou nunha xunta de goberno extraordinaria, logo de acadar con Compostela Aberta (CA) o acordo que permitirá que o documento saia adiante no pleno. 
2020021719541841709
photo_camera Sánchez Bugallo e Abal presentaron onte as contas, logo de levalas a Xunta de Goberno.

As previsións pasan agora por que as contas poidan ir o vindeiro día 26 á comisión de Facenda para ser aprobadas de forma inicial nun pleno o 2 de marzo, coa abstención da organización que encabeza Martiño Noriega.

"Antepoñemos os intereses da cidade e da veciñanza aos partidarios, ao contrario do que pasou no anterior mandato, e porque somos conscientes do momento importante que atravesa Santiago, co horizonte de 2021", xustificou onte o portavoz de CA, quen sinalou que "despois das negociacións, o documento orzamentario consolida políticas impulsadas no pasado mandato, sobre todo no eido social, e recoñece o compromiso da institución cos proxectos que foran aprobados nos orzamentos participativos".

O proxecto presupostario ascende a 116,975 millóns de euros en ingresos e gastos, o que, indica o Goberno compostelán, supón un aumento de 6,46% respecto a 2019.

Segundo informou Sánchez Bugallo após a xunta de goberno, o proxecto orzamentario prima o gasto en servizos públicos básicos, cunha contía de 47.481.402 euros, 40,59% sobre o gasto total. Na presentación, a concelleira de Facenda, Marta Abal, salientou tamén as partidas de produción de bens públicos de carácter preferente, con 21,727 millóns de euros, e a de actuacións de carácter xeral, por un importe de 21,433 millóns. As actuacións de carácter económico levan 13,928 millóns (20,57% máis que en 2019), as de protección e promoción social ascenden a 9,452 millóns e a débeda pública, a 2,952  millóns.

O BNG fala de "continuísmo" nas contas municipais

O rexedor avanzou onte que a información orzamentaria será trasladada aos demais grupos  da oposición, os que chamou a  "incorporarse" ao acordo. "Vexo moi difícil xustificar a oposición a estes presupostos", observou.

A portavoz do BNG no Concello, Goretti Sanmartín, cualificaba na xornada de onte de "continuístas" os orzamentos, en espera de poder analizar o contido do documento. "Polo que transcendeu, son uns orzamentos continuístas, con proxectos históricos que veñen da etapa inmediatamente anterior, onde non hai iniciativas propias por parte do PSOE", manifestou, sinalando como "a gran novidade" a licitación das contratas e a regularización dos contratos. "Mais iso é o normal", afirmou.

"Estaremos vixilantes en canto teñamos a documentación e poidamos analizala, pero a maneira de negociar dista moito do que se lle debería presupor a calquera Goberno e máis a un que está en minoría, que debera buscar consensos e propostas que inclúan o maior número de iniciativas posíbeis do conxunto dos grupos que formamos parte da Corporación", afeou ao Goberno socialista.  

Pola súa banda, o portavoz do PP local, Alejandro Sánchez-Brunete, lamentou que a negociación con Compostela Aberta se levase de forma "clandestina excluínte". "A cidade vaise a sentir enganada porque Bugallo recibira o mandato de pasar páxina e vai seguir escribindo nos cadernos de caligrafía irregular de Compostela Aberta", apuntou.  

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios