A abstención nas eleccións galegas superou 50%

Das 2.697.490 persoas con dereito a voto nestas eleccións, só 1.320.955 emitiron o seu voto --5.726 desde o exterior--. Menos da metade.

Votación mesa electoral eleccións (Xunta)
photo_camera Votación (Foto: Xunta)

Só 49% dos 2.697.490 galegos e galegas con dereito a voto emitiron o seu sufraxio nas eleccións galegas do 12 de xullo. Unha participación por baixo de 50% que se viu lastrada polo voto do Censo de Residentes Ausentes (CERA), que marcou un mínimo histórico con apenas 1,2% dos 463.163 galegos e galegas do exterior que teñen dereito a voto.

Esta cuarta, o Diario Oficial de Galiza (DOG) publica os resultados definitivos das eleccións galegas do pasado 12 de xullo nas que o Partido Popular renovou a súa maioría absoluta cos 42 deputados e deputadas alcanzados após o reconto do voto emigrante, que arrebatou ao Partido Socialista un escano por Pontevedra.

Así, das 2.697.490 persoas con dereito a voto nestas eleccións, só 1.320.955 emitiron o seu voto --5.726 desde o exterior--. Menos da metade.

Unha vez computados o voto exterior e as reclamacións, das tres forzas que lograron representación, o Partido Popular ten 1.580 votos máis (627.762), o BNG obtén 1.203 papeletas ao seu favor a maiores (311.340) e o PSdeG suma 1.213 sufraxios respecto dos resultados provisionais (253.750).

Nestes comicios, o voto na diáspora estivo marcado polas dificultades engadidas derivadas da pandemia do coronavirus. De feito, o punto de partida foron as 12.359 solicitudes do Censo de Residentes Ausentes (CERA), unha cifra que é practicamente a metade que na cita autonómica de 2016 e que é a máis baixa de todo este século.

Comentarios