A abstención de Compostela Aberta e BNG permite aprobar os orzamentos de 2022 de Santiago

As contas só recibiron os votos a favor dos 10 edís do PSOE, polos 8 en contra do PP.
Imaxe de arquivo dun pleno anterior. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe de arquivo dun pleno anterior. (Foto: Nós Diario)

O pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou nesta terza feira os orzamentos de 2022, despois de que a abstención de Compostela Aberta (CA) e Bloque Nacionalista Galego (BNG) permitisen sacar adiante as contas do goberno en minoría do Partido Socialista (PSOE).

Nunha sesión plenaria extraordinaria,o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, aprobou un orzamento que este ano chega até os 129,8 millóns de euros, 3,85% máis que o ano anterior. A esa cantidade súmanse os 3,4 millóns de euros das partidas para o Auditorio da Galiza e as empresas municipais.

As abstencións dos 5 concelleiros de CA e os dous do BNG permitiron que os dez votos a favor dos edís socialistas foron suficientes para sacar adiante as contas, que recibiron oito en contra do Partido Popular (PP).

A pesar de facilitar a aprobación das contas, as portavoces de Compostela Aberta e Bloque, María Rozas e Goretti Sanmartín, mostráronse moi críticas coa xestión dos orzamentos levada a cabo polo rexedor socialista.

"Dúas caras" do Goberno local 

Ambas formacións políticas criticaron que o Goberno local ten "dúas caras". Unha "absolutista" á hora de tomar as decisións, representada por Bugallo, e outra "aberta ao diálogo", na que se atopa outra parte do Executivo.

Para Goretti Sanmartín, "dentro do goberno municipal hai varios gobernos. Unha parte rancia, conservadora, que se nega a avanzar en políticas de esquerdas e que practica o absolutimo. E hai outra parte que recoñece o bo trabajo da oposición e apoia as súas propostas. Despois hai outra parte do goberno que non está nin para unha nin para outra cousa".

Tanto CA como BNG criticaron tamén que os orzamentos "poderían estar aprobado moito antes". Neste sentido, a voceira de Compotela Aberta criticou que, despois de chegar a un acordo para sacar adiante as contas a principio de xaneiro, o PSOE tardara máis dun mes en aprobar as contas.

María Rozas afirmou que "non somos o PSOE, nin moito menos o PSOE de Bugallo", para argumentar o apoio da súa formación as contas do Goberno local.

"Ilusión orzamentaria"

Pola súa parte, o portavoz municipal do PP, Alejandor Sánchez-Brunete, asegurou que os orzamentos aprobados son unha "ilusión orzamentaria", deseñada para "tratar de ocultar as ineficiencias das administracións".

Sánchez-Brunete acusou o Goberno local de adxudicar "contratos a dedo" e de tirar millóns de euros recaudados "polo pago duns servizos públicos que non se corresponden co esforzo contributivo" da cidadanía. 

Comentarios