sábado 08/08/20

A abstención ascende a 41%, a máis elevada dos últimos anos

A abstención ascende a 41%, a máis elevada dos últimos anos

A abstención nas eleccións galegas deste domingo elevouse ao 41,%, a máis alta dos últimos anos, se comparamos a cifra cos niveis de abstención (sen contar o voto de residentes no estranxeiro) doutras convocatorias.

Así, nunha xornada marcada polas altas temperaturas e polas medidas de seguridade sanitaria para evitar posíbeis contaxios de coronavirus, depositaron a súa papeleta 1.290.195 galegos (co 98,04 por cento do voto escrutado), o que supón unha participación de 58,88 por cento.

No entanto, hai que ter en conta que, nesta cifra, non se contabiliza o voto do Censo de Residentes Ausentes (CERA) que, habitualmente, fai descender máis a porcentaxe definitiva de participación.

Tendo en conta esta circunstancia e comparando os datos coa participación noutras citas electorais galegas (sen contabilizar o voto emigrante) , a porcentaxe de galegos e galegas que votaron é a máis baixa de, polo menos, os últimos 23 anos.

En 1997, o reconto da noite electoral apuntaba unha abstención do 33,7%; en 2001, a abstención foi do 35,8%; na cita de 2005, foi do 32,5 %; en 2009, a abstención foi a máis baixa da historia da autonomía, dun 29,54%; en 2012, subiu ao 36,2%; e en 2016, a abstención foi do 36,25%.

Todas estas cifras correspóndense ao cómputo provisional, sen o voto emigrante.

comentarios