Abrente reitera que traballará "desde o BNG pola unidade de acción" do nacionalismo

O colectivo reivindica o seu dereito á discrepancia mais sempre desde “a lealdade ao BNG”  e desexa "á nova dirección do Bloque a mellor fortuna na andaina que se inicia"
Aymerich na clausura da conferencia

No mesmo día en que Carlos Aymerich formalizaba a súa renuncia como deputado, o colectivo do que fai parte, Abrente, emitía un comunicado. Nel Abrente reiteraba, “de novo”, o seu compromiso “de traballar dende o BNG para reconstruír a unidade de acción do nacionalismo galego a partir da súa realidade actual”.

Abrente afirma que “con lealdade á organización e no exercicio do dereito democrático á discrepancia continuaremos a exercer a nosa responsabilidade de propoñer e debater na organización e na sociedade galega aquelas alternativas que creamos axeitadas na acción social ou institucional para mellorar as condicións de vida da cidadanía e avanzar cara ao exercicio concreto da soberanía galega”.

Por último, Abrente desexa á nova dirección do BNG, saída da XIV Asemblea Nacional, “a mellor fortuna na andaina que se inicia”.

Comentarios