Abrente pide ao BNG que ‘’participe e apoie” unha candidatura unitaria nas Xerais

O colectivo fala de catro parámetros para esa iniciativa: constituír grupo galego nas Cortes do Estado, defensa dos intereses da maioría social e do dereito a decidir de Galiza, e rexeneración democrática.

Dirección Nacional de Abrente
photo_camera Dirección Nacional de Abrente

Abrente avoga por unha candidatura unitaria galega para as eleccións xerais, unha proposta na que entende que é preciso que o BNG -fronte da que forma parte como corrente interna- “participe e apoie”. A corrente, creada en xuño de 2012, expresa nun comunicado recollido por axencias que esa candidatura debería constituírse en torno a un programa en común en base a unha serie de parámetros: conformar un grupo galego no Congreso e no Senado, a defensa dos intereses da maioría social, o recoñecemento do dereito a decidir do pobo galego, e a rexeneración ética e democrática.

Abrente parabenízase con que “unha gran maioría de galegos” apostasen en “alternativas políticas” que en “chage galega” e “de progreso” xeran un novo escenario político en Galiza. Nesta liña, defende que o nacionalismo vai alén do BNG e congratúlase que concellos como Pontevedra, A Coruña e Compostela vaian estar gobernados por alcaldes nacionalistas, “pertencentes a diversas forzas políticas”.

Carlos Aymerich é un dos dirixentes desta corrente, en cuxa fundación tomaron parte persoas como Camilo Nogueira, Suso Veiga, Ana Luisa Bouza ou alcaldes nacionalistas como o de Bueu e Vimianzo, entre outros.

Comentarios