Abel Caballero cre que Feixoo sería "perfectamente batíbel" nas eleccións xerais

"O problema de Vox é que é a antidemocracia", asegurou o alcalde de Vigo.
Alberto Núñez Feixoo e Abel Caballero nun acto do Círculo de Empresarios da Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Abel Caballero nun acto do Círculo de Empresarios da Galiza. (Foto: Europa Press)

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que o aínda presidente da Xunta e candidato á presidencia estatal do Partido Popular "sería perfectamente batíbel" se se presentase como candidato á presidencia do Goberno español.

Caballero, que particiba nunha entrevista de radio en Onda Cero recollida por Europa Press, basou a súa afirmación en que "na miña cidade (Vigo), nas xerais perde estrepitosamente, nas municipais non digamos como e nas autonómicas non gañou".

Preguntado pola crise interna do PP, preferiu ser "respectuoso", mais instou a Feixoo a qyue se pronuncie sobre temas que "preocupan moito". Afirmou que "temía" que se estivera a "fraguar" un "pacto coa extrema dereita", horas antes de que este finalmente rematara materializándose.

"O problema de Vox é que é a antidemocracia, a miña xeración viviu a ditadura, sabemos o que é e o que significa o pacto e o branqueamento de Vox", engadiu o rexedor socialista.

Crise de refuxiados en Ucraína

No que se refire á crise de refuxiados derivada da ofensiva militar do exército ruso en Ucraína, Abel Cabeallero destacou a "solidariedade" da poboación galega e española á hora de acoller os ucraínos e ucraínas que escapan do seu país.

O alcalde de Vigo, que tamén é presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), subliñou que o papel das administracións é "cooperar en localizar e ter habitacións, pisos, vivendas, para poder dar acollida" aos refuxiados que van chegando.

Caballero recoñeceu que os ucraínos que chegan ao Estado Español e á Galiza pretenden volver a Ucraína en canto a guerra remate, pero mentres iso no ocorre é unha obriga dos países de acollida ofrecer "confortabilidade e socialización".

Comentarios