ABC tamén se suma á onda pro Ciudadanos, mentres La Voz marca distancias con Rivera

O diario monárquico xa mostrara a súa debilidade pola formación laranxa ao publicar unha entrevista con Inés Arrimada en plena xornada de reflexión.

Inés Arrimadas
photo_camera Inés Arrimadas

Primeiro foi El País o sábado pasado cunha enquisa de Metroscopia, a primeira das publicadas até o de agora que colocaba Ciudadanos por primeira vez por diante do PP e do PSOE (27,1 por cento face 23,2 e 21,6, respectivamente, con 15,1 para Unidos Podemos e as confluencias). O diario de Cebrián, sustento mediático do PSOE desde a súa fundación en 1976, editorializaba tamén ao respeito, con tons abertamente ditirámbicos para a formación laranxa, de quen dicía que representa "unha España centrista, reformista e dinámica". 

Agora é o ABC quen esta mesma segunda feira se suma á tendencia pro-Cs cun inquérito que tamén pon a formación de Albert Rivera na primeira praza, embora con menor marxe da que lle atribúe El País. No inquérito realizado por GAD3 para o diario monárquico, Ciudadanos obtería 26,2 por cento de voto face 24,7 do PP e 24,2 do PSOE. En troca, en escanos -dado a súa relativa debilidade nas provincias con maior peso do voto rural- o partido laranxa ficaría na terceira praza, con 86/90 escanos fronte 97/101 do PP e 93/97 do PSOE. Unidos Podemos aparece co 14,7 por cento, entre 42 e 44 asentos no Congreso dos Deputados (ten neste momento 71).

Na campaña catalá, o ABC xogou a fondo a baza de Ciudadanos, até o ponto de forzar unha denuncia do PP perante a Xunta Eleitoral pola publicación en primeira páxina, na xornada de reflexión, dunha entrevista con Inés Arrimadas.

Quen non se une (talvez polo de agora) ao coro é La Voz de Galicia, rotativo claramente situado na órbita de Monte Pío. Esta segunda feira un dos seus editorialistas de cabeceira, Xosé Luís Barreiro, envía un aviso aos navegantes da escadra laranxa cun artigo intitulado "Cuidado, Rivera, que hay mar de fondo".

Barreiro non parece moi entusiasmado coa emerxencia de Rivera nos inquéritos, por considerar que irá "fragmentar o único eleitorado que seguía compactado -o do espazo do centro-direita-" o que resultaría nun "Parlamento máis ingobernábel".

Está por ver, aliás, a resistencia do cinto mediático que blinda o PPdeG se as tendencias pro-Ciudadanos se intensifican na imprensa madrileña.

Comentarios