A Xunta volve conceder a dedo, e á mesma empresa, os operativos de helicópteros contraincendios

Inaer tamén se encarga de xestionar as aeronaves de Salvamento Marítimo e Emerxencias

Helicópteros

Os helicópteros da Xunta, tanto os de Salvamento Marítimo e Emerxencias como os de loita contraincendios, son xestionados pola mesma empresa, Inaer. Unha xestión que acadou, no que se refire aos de combate contra o lume, en dúas veces polo mesmo procedemento: negociado sen publicidade. A dedo, como vén de denunciar o xornal El País . Malia cantidade dese contrato, por riba dos doce millóns de euros.

En 2012, a Consellería do Medio Rural outorgou a Inaer o servizo para operar con helicópteros de loita contra incendios por ese procedemento argüindo que non tiña tempo para convocar o concurso. Inaer xa non é que se encargue só dos helicópteros, senón tamén de contratar as brigadas aerotransportadas, algo que até entón facía a Xunta. Os sindicatos denunciaron a privatización que iso supuña, e a CIG mesmo levou aos xulgados ao goberno autonómico por "prevaricación".

Obrigada a convocar concurso

Nesta ocasión, a Consellería estaba obrigada a convocar un concurso. E fíxoo. Presentouse ao mesmo Inaer e outra empresa, con experiencia tamén neste campo. Mais a administración autonómica optou por declarar deserto o concurso, aducindo incumprimentos puntuais. Ao ficar deserto, puido ir a un proceso de negociado sen publicidade.

Desde a CIG denuncian que "xusto un día despois de que o presidente Feijoo anuncie o contido do proxecto de Lei de racionalización da Administración Autonómica temos constancia de que a Consellaría de Medio Rural vén de adxudicar a dedo por 12 millóns de euros un contrato cantado para o servicio de helicópteros da loita contra incendios e a contratación de brigadas. Un contrato para INAER e Natutecnia, empresas agraciadas o ano pasado con outro similar".

Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana asegurou que a administración galega se "axustou á lei" na adxudicación do servizo de helicópteros. Quintana defendeu esta terza feira o procedemento seguido pola Xunta de Galiza nesta materia e que a decisión final se debeu a un "concurso deserto" en que as empresas que concorrían ao concurso non "acreditaban o cumprimento" das condicións requeridas no prego. 

Comentarios