A Xunta saca adiante a reforma dos horarios comerciais pola 'vía rápida'

Sen debate en comisión e sen a posibilidade de se presentaren emendas parciais por parte da oposición. O Partido Popular emprega o procedemento de leitura única para aprobar unha reforma que deixará o pequeno comercio "ás portas do abismo" segundo os grupos da oposición.

Manter "o equilibrio do sector" e garantir a "seguridade xurídica" para o pequeno comercio. Así defendeu o Partido Popular a aprobación do proxecto de lei de reforma dos horarios comerciais na sesión plenaria desvenvolvida esta terza feira. Os grupos da oposición exixiron a devolución do texto por non contar "co apoio do pequeno comercio" e servir de "instrumento aos intereses da OMC, o FMI e a OCDE" amais dos "de Madrid", como indicaba a deputada popular Romero Fernández na súa quenda de intervención ao asegurar que a reforma viña recomendada polas devanditas institucións. Unha cuestión que foi retrucada en diversas ocasións por BNG, AGE e PSdeG denunciando a política de "ordeno e mando" que está a seguir o Partido Popular co procedemento de leitura única.

Prado (BNG): "A vostedes pódeselles aplicar o concepto Manquiña, igual que te digo una cosa te digo la contraria"

A proposta da Xunta de Galiza recolle entre outras cuestións a liberdade de apertura para os comercios sen reparar nas peculiaridades dos pequenos e medianos estabelecementos fronte ás grandes áreas comerciais. "Recapaciten, o Goberno non sempre ten razón", aseveraba o deputado socialista na súa quenda de intervención ao tempo que rexeitaba a proposta por se opoñeren a ela "sindicatos e comerciantes".

A nacionalista Montse Prado, lembrou na súa interpelación ao conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que pouco tempo atrás o seu Goberno rexeitara a modificación da lei asegurando que esta "invadía competencias exclusivas" de Galiza e que aínda era útil a aprobada en 2006.

A tramitación da reforma a través do procedemento de leitura única foi aprobada cos votos favorábeis do PP e coa oposición de BNG, AGE e PSdeG

"Isto nos dicían hai catro días", acrecentou a deputada do BNG ao tempo que ironizou "podemos aplicarlles o concepto Manquiña, igual que te digo una cosa te digo la contraria" parafraseando as verbas do actor no emblemático filme Airbag.

"Este debate roza o patetismo" denunciaba o deputado de AGE, Antón Sánchez, "queren reformar unha lei que ninguén pediu modificar" e fano, criticou "pola vía rápida" malia a que no seu programa electoral @s populares non a contemplaban, "non debe ser pois tan urxente", asegurou o socialista Gallego.

Comentarios