A Xunta dá luz verde á Lei de garantías sanitarias que aboca @s doentes á privado-concertada

O executivo de Alberto Núñez Feijóo trasladará "de maneira inminente" ao poder lexislativo o anteproxecto de lei. A proposta da Xunta fixa prazos de agarda de non máis de 60 dias, aboca @s doentes á privado-concertada e recolle a posibilidade de pagamento adiantado, para quen poida facelo

As centrais sindicais levan meses alertando das consecuencias desta norma. O anteproxecto de Lei de garantías sanitarias “é meter o darwinismo na sanidade en base ao poder económico dos pacientes” denuncian desde diversas agrupacións e colectivos de médic@s e enfermeir@s. As voces do sector coinciden en considerar a proposta "unha aberración". 

O anteproxecto fixa listas de agarda de non máis de 60 días para cirurxía, 45 para consultas e probas diagnósticas, prazos que desde o sector consideran "inviábeis" para a sanidade pública

E é que o presidente da Xunta asegurou en comparecencia de imprensa após o Consello da Xunta que a nova lexislación fixará por lei un tempo máximo de agarda para operacións cirúrxidas "60 días". O prazo previsto polo executivo galego, afirman desde os sindicatos é "inviábel" para o Sergas mais desde a Xunta recollen a posibilidade de que naqueles casos "en que a espera prevista supere o tempo máximo establecido" para a prestación da asistencia sanitaria, ofertarase a realización da prestación noutro centro "ou nun centro concertado" que, aliás, poderá ser elixido libremente pol@ utente. 

Se a pública non pode asumir os tempos, farao a privado-concertada

As persoas que sexan atendidas a través da privada-concertada deberán pagar por adiantado o custo da cirurxía. Malia que o anteproxecto de lei prevé o rembolso da contía por parte da administración galega, “os que teñan menos recursos, non poderán costear esa operación, consulta ou proba” denuncian as centrais sindicais "polo que ficarán relegados" a respeito daquelas persoas que si poidan adiantar o pagamento. 

Alberto Núñez Feijóo, que en declaracións á imprensa obviou esta información recollida nos artigos 7 e 8 do anteproxecto de lei, apelaba á súa "política económica rigorosa" para se gabar da reforma prevista polo seu goberno. Segundo o presidente da Xunta a nova norma "amplía" os dereitos d@s doentes. Ao mesmo tempo, Núñez Feijóo rexeitaba que a lei supuxese a privatización da sanidade. "É imposíbel", sentenzou. 

Porén, desde a CIG-Saúde, María Xosé Abuín denuncia que o texto presentado polo goberno galego "pón en risco" a prestación sanitaria e torna "inviábel" o mantemento do servizo público. Asemade, insiste en que abre a porta a unha "maior participación" da sanidade privada no sistema público de saúde.

É unha "cortina de fume" sobre os "problemas de financiamento" do sistema sanitario

Desde CCOO critican o anteproxecto de lei aprobado polo Consello da Xunta e apuntan que seu "único interese" é "privatizar" a sanidade. Neste senso, denuncian que o executivo de Alberto Núñez Feijóo rexeitase o voto particular presentado pol@s representantes sindicais no Consello económico e social en que se recollían "alternativas" nesta materia. 

A proposta achegada desde CIG, CCOO e UXT instábase á Consellaría de Sanidade a modificar o plano de ordenación de recursos humanos e a habilitar quendas de mañá e tarde nos hospitais durante as xornadas de traballo ordinario. Aliás, desde as centrais sindicais reclaman un "orzamento real" que permita o mantemento do Servizo galego de saúde como un servizo público ao consideraren que "non é críbel" que se poidan reducir os tempos de agarda se "non hai unha dotación orzamentaria suficiente". 

Comentarios