A xuíza instructora da operación “Pokemon” está vinculada ao Partido Popular e ao Opus Dei

O marido de Pilar de Lara Cifuentes, é membro do Comité Executivo do PP de Lugo. No despacho da xuíza hai unha imaxe do fundador do Opus Dei.

Pilar de Lara Cifuentes , a titular do Xulgado nº1 de Lugo que leva a instrucción da operación “Pokemon” que se saldou hoxe con 13 detencións, entre elas a dos alcaldes de Ourense e Boqueixón, ten vínculos do Partido Popular. O seu marido, Roberto Menéndez Mato fai parte do Comité Executivo do Partido Popular de Lugo, que preside José Manuel Barreiro Fernández. Así se recolle no propio sitio web do PP.

A xuíza, que foi tamén responsábel da instrución do controvertido caso “Carioca”, estaría ligada tamén ao Opus Dei. Segundo denunciaron a Sermos Galiza, no seu despacho a xuíza loce unha imaxe de Josemaría Escrivá de Balaguer, fundador --en 1928-- desa prelatura no seo da Igrexa Católica, situada doutrinal e ideoloxicamente en posicións reaccionarias e ultraconservadoras.

Estes feitos alargan as sombras sobre o proceso xudicial, que se produce a pouco menos dun mes das eleccións do 21 de outubro. Como xa sucedeu co caso “Campión” antes dos comicios xerais do pasado novembro.

Comentarios