xoves 02.04.2020

Rego revalida á fronte da UPG e apela a un nacionalismo socialmente activo

Compostela acolleu os debates do XV congreso da Unión do Povo Galego que, baixo o lema 'Autodeterminación para a Galiza existir e avanzar', reelixiu Néstor Rego como secretario xeral deste partido integrado no Bloque Nacionalista Galego. 

Plenario do XV Congreso da UPG (Imaxe: Xaquín Soliño)
Plenario do XV Congreso da UPG (Imaxe: Xaquín Soliño)

RegoO Pazo de Congresos de Compostela acolleu este domingo, 16 de febreiro, máis de 600 militantes e simpatizantes da Unión do Povo Galego (UPG) que participaron no XV congreso deste partido nado en 1964 e integrado no BNG. 
Néstor Rego, reelixido por unanimidade secretario xeral, salientou en declaracións a Nós Diario, que “este congreso serviu para actualizar as análises e liñas de traballo do partido”, entendendo como “fundamental traballar para reforzar o nacionalismo e o BNG, nun momento en que, despois dun período de dificultades, fomos capaces de manter algo tan prinicipal como é o principio de autoorganización e de non submisión a ningunha forza política allea ao noso país”. 

"O BNG está nun bo momento e en condicións de avanzar”, sinalou Rego

Así mesmo, Rego asegurou a este medio que “o BNG está nun bo momento e en condicións de avanzar”. Ante as eleccións galegas convocadas para o vindeiro 5 de abril, salientou que “toda a militancia da UPG traballará para lograr o mellor resultado posíbel” e sinalou que “o cambio político que precisa Galiza, que non é so derrotar Feixoo e sacar o PP , senón tamén garantir que se fagan outras políticas diferentes, só o pode liderar o BNG”. 

No acto de encerramento o secretario xeral quixo iniciar o seu discurso cunha lembranza a Bautista Álvarez, cofundador da UPG en 1964 e histórico nacionalista e que faleceu en 2018. Este é o primeiro congreso do partido que decorre sen a presenza de Álvarez, a quen Rego describiu como “un militante comunista e patriota galego exemplar que simboliza á perfección a coherencia, a firmeza e a perseveranza na loita da UPG por unha Galiza ceibe e socialista”. 

“Somos un gran Partido”, continuou Rego, “porque temos unha militancia entregada e xenerosa, consciente do seu papel revolucionario nunha nación colonizada como a nosa. Unha militancia que está consciente de que enfrontar o conflito social e político contra os que manteñen o noso País na dependencia non é fácil, mais é necesario”. 

Rego afirmou que “para avanzar para o obxectivo estratéxico da soberanía, non chega nin con desexalo nin con enuncialo reiteradamente, senón que é preciso un traballo constante e coherente en todas as frentes, día tras día, ano tras ano”. 

A clausura contou cunha delegación da dirección do BNG encabezada pola súa portavoz nacional e candidata ás eleccións galegas, Ana Pontón. A ela dirixiuse Rego para resaltar o compromiso da militancia da UPG co Bloque e coa cita electoral do próximo 5 de abril.

Pontón chamou a enfrontar as semanas que quedan até o 5-A con compromiso e ilusión, porque o nacionalismo "é quen mellor pode garantir un futuro a este país". "Este 5 de abril o Bloque ten que ser a forza determinante para que haxa un cambio político na Galiza", concluíu a candidata á Presidencia da Xunta.

Ademais de organizacións sociais galegas, tamén estiveron presentes no acto de clausura representantes de partidos comunistas soberanistas de distintos pobos e outros que non puideron asistir, enviaron saúdos.  

A tese política renova a aposta da UPG pola soberanía

O Congreso debateu e por unanimidade aprobou as novas teses das que se dota o partido. Nós Diario tivo acceso ao documento base a debate, no que se analiza o contexto político nacional e internacional, reparando na hexemonía dos Estados Unidos e nas rivalidades entre as potencias capitalistas.

O retroceso actual dos movementos populares e antiimperialistas na América Latina, a situación no Oriente Medio co aumento da presión dos EUA sobre o Irán ou o papel sempre agresivo da OTAN e o dunha Unión Europea son outros dos eixos da análise. 

Os textos da UPG consideran fundamentais as reivindicacións feministas e as mobilizacións ecoloxistas polo futuro do planeta. O feminismo, sinalan os textos, “é unha prioridade para o movemento nacional e popular galego”.

A UPG sitúa nos seus textos aprobados o exercicio do dereito de autodeterminación como condición imprescindíbel para estabelecer un modelo económico e social favorábel ás maiorías sociais e avanzar cara ao socialismo.

A tese tamén relata que “o relato dunha idílica Transición (...) e Constitución española como texto inmutábel” perdeu peso, especialmente nas nacións sen estado e entre as xeracións máis novas. Nese sentido, considérase nos textos que os alicerces do réxime do 78 están hoxe máis cuestionados que no pasado, en medio dunha “crise de lexitimidade”.

Os textos congresuais voltan a situar no obxectivo estratéxico a independencia nacional da Galiza “como paso previo” para a construción dunha sociedade socialista. Para esa andaina, reivindican necesario “facer pedagoxía” arredor de iniciativas que permitan avances ou ilustren a necesidade de mudar o marco. 

comentarios