A UMG quere contribuír ao reforzamento de Galiza Nova como organización xuvenil referencial da mocidade galega

Este domingo decorrerá o XV Congreso da Unión da Mocidade Galega, a organización xuvenil da UPG. O lema escollido para a mesma é “Sumando enerxías cara a unha Galiza soberana”.

UMG

No encontro debaterase unha tese política e outra organizativa. Respecto da primeira o máis salientábel é a análise sobre o papel que a militancia da UMG desenvolve en Galiza Nova, indicando que esta debe ser o referente común do nacionalismo. Os mozos e as mozas da UMG márcanse como obxectivo traballar para aumentar a base simpatizante e militante do BNG, pretendendo a expansión e a dinamización territorial de Galiza Nova.

Tamén debullan a situación da educación e do movemento estudantil galego. Apostan pola unidade orgánica do movemento estudantil nacionalista tras a escisión que tivo lugar nos Comités e que deu pé ao nacemento da Liga Estudantil Galega, se ben lograr isto pasa previamente -ao seu entender- por incentivar unha maior colaboración e unidade de acción entre as mesmas.

Faise un apelo á militancia a se implicar a fondo nos conflitos sociais e abandonar "tendencias acomodaticias"

Na Tese organizativa faise un apelo á iniciativa da militancia para estar presentes nos conflitos sociais e abandonar “tendencias acomodaticias”. Reafírmase no principio da autoorganización, impulsando organizacións xuvenís nacionalistas, plurais e unitarias nas que o comportamento da militancia da UMG debe guiarse, afirman, pola “flexibilidade e a sedución”.

O XV Congreso debaterá na sesión da mañá o Informe político do Comité Nacional –órgano de dirección- saínte e as perto de dúas ducias de emendas presentadas. Coa elección pola tarde do novo Comité Nacional e da Secretaría Xeral darase paso ao acto de clausura, no que intervirá a persoa electa para o órgano unipersoal e o Secretario Xeral da UPG, Néstor Rego Candamil.


 

Comentarios