CRISE ECOLÓXICA

A UE ten que saír en defensa da Rede Natura ante a inacción da Xunta

As instancias europeas, que veñen de pedirlle á Xunta do PP a ampliación dos espazos protexidos da Rede Natura 2000

A grave situación de abandono pola que pasan os espazos ecolóxicos de Galiza alarma tamén nas instancias europeas, que veñen de pedirlle á Xunta do PP a ampliación dos espazos protexidos da Rede Natura 2000, en resposta a unha iniciativa da eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Segundo conta a representante nacionalista, a Comisión Europea considera necesaria a “inclusión de diversos tipos de hábitat nos que Galiza é deficitaria, entre eles as turbeiras e os tremedais, e pide que se designen lugares adicionais desta modalidade dentro do territorio galego”.

O proxecto de expansión da Rede Natura presentado hai un mes polo goberno de Núñez Feijóo foi considerado “insuficiente” por multitude de organizacións, ás que se lles une agora a Unión Europea, que ademais tampouco finalizou o seu estudo en profundidade dos últimos informes recibidos. Porén, segundo os ecoloxistas de Adega, “moitas especies ameazadas quedaron fóra do proxecto da Xunta” e cualificaron de “miserábel” a ampliación prevista. Pola súa banda, Galiza Non se Vende asegurou que con esas medidas “a Rede Natura acadaría só o 15,2 por cento da superficie terrestre de Galiza, algo incomprensíbel posto que dada a riqueza ecolóxica do país os espazos protexidos deberían acadar polo menos un terzo do territorio”.

As agresións a unha Rede Natura cuxa insuficiencia xa é oficial tamén abranguen outras circunstancias, moitas da cales foron ou serán denunciadas en distintos parlamentos. Por exemplo, a Xunta do PP autorizou un polígono industrial privado en Curtis e Aranga que invade a Serra da Cova da Serpe. Tamén deu luz verde a canteiras no Suído ou piscifactorías en espazos costeiros protexidos.

 Tamén os incendios están afectando á Rede Natura, cos perigosos recortes en prevención e extinción como polémico pano de fondo. O Incio ou O Xurés padeceron graves queimas de monte nos últimos tempos. Ademais, de novo a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, pediu en Bruxelas “estabelecer normas para elaborar plans de prevención contra incendios, porque axudaría a evitar que se produzan desastres como o que arrasou un milleiro de hectáreas nas Fragas do Eume”, un dos “tesouros” da biodiversidade que ficou arrasado hai poucas semanas e cuxa destrución provocou importante manifestacións de protesta contra a Xunta en todo o país.

Comentarios