A secretaria xeral do PP cualifica os participantes en escrachos de “nazis” e “totalitarios”

A secretaria xeral do PP, partido cofundado por Manuel Fraga, un ex-ministro franquista que nunca se avergoñou de tal cargo, cualifica as persoas que toman parte en escrachos de “nazis”, “sectarias” e “totalitarias”. Para o deputado popular Pablo Casado, están orquestrados pola esquerda e os nacionalistas contra o PP

María Dolores Cospedal
photo_camera María Dolores Cospedal

Víase vir. A escalada verbal que nos últimos días ía en aumento entre dirixentes e cargos do PP contra os escrachos atinxiu este sábado un punto de non retorno. A secretaria xeral do Partido Popular, organización fundada por un ministro de Franco que nunca, nunca, renegou de tal pasado, cualificou aos cidadáns que toman parte neste tipo de mobilizacións de “nazis”, “totalitarios” e “sectarios”.

De Cospedal afirmou que os escrachos son “nazismo puro” que o que procura é “tratar de violentar o voto”. A secretaria xeral do PP dá así unha volta de porca máis ás declaracións e ameazas de cargos populares(e non só populares, aí están as de Felipe González) que criminalizan este movemento popular de protesta e de facer visíbel as responsabilidades dos políticos a respecto das súas accións.

Alianza de roxos e separatistas

No mesmo acto no que De Cospedal fixo estas afirmacións, o deputado do PP Pablo Casado aproveitou para botar máis leña ao lume. Para o parlamentario, os escrachos son unha “folla de ruta” que “non é nada espontánea” e que ten como obxectivo a batir o PP.

Para este deputado español, este tipo de protestas están orquestradas por unha alianza entre “a esquerda e os nacionalismos” que, apunta, son propios da Alemaña e Estado español dos anos trinta da década pasada. A década, curiosamente, do auxe fascista en Europa. Réxime do que é debedor (e foi protagonista) o presidente fundador do partido no que milita este deputado: Manuel Fraga.

Comentarios