A reforma electoral salvagarda os intereses partidarios do PP

A proposta do Partido Popular encamiñada a reducir o número de parlamentares, supón unha estratexia electoralista cuxo obxectivo é blindar as provincias do interior (Lugo e Ourense) nas que o partido de Núñez Feijóo concentra o maior número de votos.  

Nin o manido discurso da falsa austeridade nin o aforro económico ocultan os verdadeiros intereses electorais do PP na redución a 61 do número de deputad@s. O mantemento dos 10 representantes nas provincias máis despoboadas do país, deixa ver os réditos electorais que procura o partido no goberno a través da reforma electoral a poucos meses das eleccións nacionais.

Pola porta de atrás, sen apoio popular nin consenso político e coa maior celeridade; así pretende aprobar a redución de 14 deputad@s o PP. Durante tres anos de lexislatura, caracterizados pola política de axustes e recortes promovidos pola dereita tamén no goberno español, o presidente da Xunta de Galiza non fixo aceno ningún que denotase o seu interese por unha outra distribución parlamentar. Mais, a piques de comezar a pre-campaña e cuns inquéritos que apuntan unha importante diminución de apoios ao PP nas vindeiras eleccións nacionais, fixeron espertar no goberno galego o interese de reducir o número de deputad@s, iso si, de acordo coa forquita estabelecida no Estatuto --que garante a súa aprobación coa maioría do grupo popular-- e mantendo unha sobre-representación nas provincias que salvagardan seus intereses electorais.

O reparto actual de escanos outorga 10 deputad@s por provincia e 35 de acordo con criterios poboacionais. A achega do PP encamíñase cara ao mantemento d@s dez representantes provinciais e a redución a 20 dos escanos repartidos proporcionalmente á poboación. Eis a sobre-representación das dúas provinciais de menor densidade Lugo (151.530 habitantes) e Ourense (333.257 persoas), cuxa poboación conxunta non supera a da provincia de Pontevedra (963.511 habitantes) e nin se aproxima á da Coruña que conta con máis dun millón de persoas. 

 

A provincia como unidade político – administrativa

A circunscrición electoral que emprega a provincia como marco (re)produce un efecto vantaxoso cara á forza política máis votada e prexudican aos partidos minoritarios cuxo escano exixirá un custo electoral moito maior. Neste senso, existen dúas realidades sobre a provincia como sistema de organización político – administrativa. Dunha banda, a división provincial responde a unha administración propia do modelo de estado centralista, pois tradicionalmente Galiza vén empregando un outro xeito de organización do territorio baseado nas parroquias e comarcas. Pola outra, o estabelecemento de circunscricións de pequeno tamaño non só produce unha sobre-representación do partido maioritario senón que supón unha perda de proporcionalidade na distribución dos votos e na súa posterior conversión en escanos. Volvendo ao eixo central da cuestión, un voto da provincia de Ourense vale case o dobre que un da provincia da Coruña.

A adopción da circunscrición única tanto nas eleccións nacionais coma nas xerais, garantiría non só un sistema electoral máis proporcional senón a equidade entre os votos independentemente do territorio no que foren emitidos.

 

Máis unha reforma partidista

A Lei de Eleccións vixente na Galiza desde 1985 foi modificada en dúas ocasións ao longo destes vinte e sete anos desde a súa aprobación. Na primeira das reformas desenvolvida en 1992, o daquela presidente da Xunta de Galiza, Manuel Fraga Iribarne, introducira o limiar electoral do 5% reforzando a posición maioritaria do PP e restrinxindo a entrada doutras forzas políticas. En 2004, Fraga repite escenario e aumenta os prazos de escrutino dos votos procedentes do electorado ausente. Agora no 2012 o Partido Popular encabezado por Núñez Feijóo procura a través da diminución de parlamentares reducir, máis unha vez, a proporcionalidade do sistema electoral pola porta de atrás.

Se ben é certo que a proposta do grupo parlamentar popular non exixiría unha maioría reforzada (2/3 da Cámara), a modificación das regras de xogo debería ser consensuada coas demais forzas políticas con representación no Parlamento da Galiza e, en todo caso, pular por unha maior democracia no sistema electoral galego e non atender a fins partidistas-electoralistas como evidencia a proposición d@s populares.

Comentarios