A recentralización do PP pretende eliminar o Valedor ou Meteogalicia

O goberno de Rajoy acude de novo ao “aforro” para enmascarar un plan centralista que deixaría a Galiza sen unha axencia meteorolóxica propia ou sen un órgano de defensa dos cidadáns na proximidade

Soraya Sáenz de Santamaría
photo_camera Soraya Sáenz de Santamaría

A xa vella escusa da “austeridade” volve ser o gancho co que o Goberno español vai despregar un ambicioso plan de recentralización que ten na chamada Lei de Reforma das Administración Públicas que se debate este venres en Consello de Ministros un dos seus arietes.

Entre os plans uniformistas de Rajoy está a a eliminación de activos organismos autonómicos, entre eles o Valedor do Pobo, que malia moitas polémicas exerce unha defensa das queixas cidadáns co engadido da proximidade, valor que tamén resulta básico en Meteogalicia, a axencia meteorolóxica galega, fundamental para coñeceres coa maior exactitude posíbel o tempo no país, factor decisivo para actividades económicas estratéxicas como as agrarias e moi especialmente as mariñeiras. Agora, o PP pretende que para emitir unha protesta formal ou para saber o horario das mareas @s galeg@s teñan que acudir a Madrid. 

O PP pretende que para emitir unha protesta formal ou para saber o horario das mareas @s galeg@s teñan que acudir a Madrid 

O Inelga ou Competencia son outros dos órganos que poderían ser eliminados pola nova onda centralista, se ben a decisión final terán que tomala as autonomías. Feijóo di que está a valorar o que propón o goberno español e que en base a iso tomará decisións. Ou sexa, que non descarta un importante adelgazamento da actividade da Xunta en favor de devolver atribucións a Madrid. 

Esta reforma das administracións públicas de Rajoy inclúe 217 medidas, 120 delas relativas ao que o PP chama “duplicidades entre administracións”. No documento, que presentará a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, inclúese o calendario de aplicación das medidas e o custo estimado de moitas delas, mínimo en comparación co que podería supoñer por exemplo unha fiscalidade progresiva. O gasto que implica manter o Valedor é unha das cifras que calculou o Executivo, que quere a súa eliminación porque “xa existe esa institución” a nivel estatal, presidida pola andaluza Soledad Becerril, que dificilmente poderá entender moitos dos problemas dos que agora se fai cargo o Valedor do Pobo en Galiza. 
 

Comentarios