Rojo mantén o pulso após reunirse cos portavoces

A oposición exixe que se retire o veto imposto á cidadanía e rexeita un acordo na primeira xuntanza coa presidenta do Parlamento.

Após unha hora de xuntanza, PSdeG, BNG e AGE rexeitaron un acordo con Pilar Rojo ao consideraren "irrenunciábel" o dereito da cidadanía a asistir aos Plenos. Os grupos da oposición aseguraron na xuntanza que non "actuarían como a policía do Parlamento" polo que exixiron o levantamento do veto imposto por Pilar Rojo o pasado sábado.
Malia que a presidenta da Cámara valorou "positivamente" que os grupos tivesen participado na xuntanza convocada por ela, asegurou que achegará unha proposta formal á Mesa do Parlamento que se reunirá a vindeira semana na procura do acordo.

Francisco Jorquera exixiu o restabelecemento da práctica habitual da Cámara co levantamento do veto

Neste organismo da Cámara só teñen representación PP e PSdeG após evitar a entrada dos outros grupos da oposición --BNG e AGE-- ao seren cubertos os dous postos correspondentes pol@s socialistas e negárense @s populares a procurar novas fórmulas que permitisen reflectir a pluralidade do hemiciclo na Mesa. Porén, a presidenta comprometeuse a elevar a proposta á Xunta de portavoces. 

"Un dereito irrenunciábel"
Os voceiros de BNG, AGE e PSdeG argüíron o seu rexeitamento á proposta de Pilar Rojo á "restrición" que supón o veto imposto á cidadanía. Neste senso, Méndez Romeu (PSdeG) considerou "unha conquista histórica" a presenza das cidadás e cidadáns nos Plenos polo que "non pode ser limitado". Pola súa banda, Francisco Jorquera (BNG) denunciou que a decisión adoptada por Rojo converte "o Parlamento nun clube privado con dereitos de admisión" polo que, malia "valorar" a "certa rectificación" amosada pola presidenta do Parlamento coa convocatoria da xuntanza, insistiu en que o veto sexa retirado.

Beiras asegurou que os incidentes na cámara reflicten "os problemas gravísimos que existen na sociedade"

"Non é bo", asegurou Francisco Jorquera, "establecer restricións no acceso de público ás sesións plenarias" pois "non entorpece o labor do Parlamento, senón que o enriquece”, acrecentou o voceiro socialista, Méndez Romeu. Pola súa banda, os representantes de AGE, Xosé Manuel Beiras e Xabier Ron, aseguraron o posicionamento da coalición "é claro" e que continuarán a exixir o levantamento do veto. Beiras Torrado advertiu á presidenta da Cámara --segundo recollen as axencias de noticias-- que os incidentes vividos na Cámara "non son o resultado dunha dinámica interna do Parlamento" senón o reflexo "dos problemas gravísimos que existen na sociedade".

Comentarios