A oposición denuncia que as "alarmantes" cifras de desemprego son resultado "das políticas da Xunta"

BNG e AGE aseguran que os resultados son o reflexo "das políticas fracasadas do PP". Pola súa banda, Pedro Puy argüíu os datos tirados polo INE a que "decembro é un mes tradicionalmente malo". 

As cifras tiradas esta quinta feira sobre os índices de desemprego a finais de 2012 deixan un panorama laboral crítico en Galiza. Aliás de aumentar de maneira notábel a respecto do mesmo período en 2011, Galiza constitúe o territorio do Estado español en que máis emprego foi destruído no pasado mes de decembro e continúa cunha tendencia que a longo prazo podería supor graves consecuencias económicas para o país. Entrementres, a media española --cifra empregada polo goberno de Alberto Núñez Feijóo para quitar ferro ao 21% de desemprego en Galiza-- amosa un lixeiro descenso no número de persoas paradas.

Aymerich (BNG): "Os datos poñen de relevo o fracaso das políticas desenvolvidas pola Xunta e o Partido Popular"

"Os datos poñen de relevo o fracaso das políticas desenvolvidas pola Xunta e o Partido Popular", asegurou Carlos Aymerich, voceiro de asuntos económicos no grupo parlamentar do BNG en declaracións a Sermos Galiza. Ao igual que @s nacionalistas, o voceiro da Alternativa Galega, Xosé Manuel Beiras asegurou que "a alarmante" situación do desemprego en Galiza é o resultado dunha "política aberrante" implementada desde a Xunta de Galiza que, din está a destruír "a capacidade da xeneración de emprego" da propia economía, en grande medida verbo dos recortes de investimento das partidas dirixidas á promoción activa de emprego.

Beiras (AGE): "Isto ao único que conduce é a unha catástrofe social"

Porén, desde o BNG sinalan "a tendencia é preocupante" ao compararen as cifras tiradas esta quinta feira cos datos ofrecidos a respecto da media española. "Hai que tomar nota", apuntan @s nacionalistas ao entenderen que de continuar así "esta situación abócanos directamente ao abismo". Tamén así, desde as bancadas de AGE, o seu voceiro nacional asegurou que de non se frear o incremento da taxa de desemprego, "isto ao único que conduce é a unha catástrofe social", advertiu.

"Menos propaganda e máis acción"
Montse Prado, voceira de Emprego do grupo parlamentar do BNG denunciou en comparecencia de imprensa que o executivo galego estea a falar "da envexa que Galiza dará a outras comunidades" perante os datos coñecidos esta mañá. Neste senso, Prado acrecentou que "é esperpéntico que un goberno, ante un dos principais problemas que ten Galiza fale con tanta frivolidade e faga declaracións deste tipo, que son pura propaganda, en vez de actuar”. Así mesmo, lembrou que o seu grupo parlamentar xa demandou a comparecencia da conselleira de Traballo, Beatriz Mato para "dar a cara ante os alarmantes datos do paro".

Comentarios