Tensións na confección da permanente de Anova

Anova xa ten comisión permanente, após un proceso non exento de tensións. A listaxe de nomes finalmente aprobada pola Coordenadora Nacional non foi a inicialmente proposta por Beiras

 

Xosé Manuel Beiras, candidato de AGE
photo_camera Xosé Manuel Beiras

Após un ano de vida, Anova-Irmandade Nacionalista xa ten o seu órgao de dirección executiva, a comisión permanente. Foi eleita onte após unha longa e tensa reunión da Coordenadora nacional e unha votación en que se confrontaron dúas propostas. Unha, a formulada por Beiras, con 18 nomes. Outra, a promovida por Luís Eyré 'Palleiro', con 19. Esta última foi a que obtivo máis votos. Beiras, ao verificar que a súa listaxe non fora asumida na súa integridade, optou por non votar.

A proposta de Eyré difería da de Beiras en que incluía Laura Ogando (Encontro Irmandiño). Ogando entraría na dirección para compensar a incorporación dun membro da FPG, Xurxo Martínez González, proposta a última hora polo portavoz nacional de Anova.

A listaxe promovida por Eyré foi apoiada pola maioría da Coordinadora (36 votos favorábeis), mentres a candidatura apadriñada por Beiras non pasou dos 32 votos.

A permanente de Anova ficou conformada con esta composición: Coordinación: Martiño Noriega Sánchez; Acción Institucional: Antonio Araújo Quintas; Organización: Paula Vázquez Verao; Relacións Políticas: Luis Eyré Diéguez; Alternativas Programáticas: Carlos Méixome Quinteiro; Movementos Sociais: Xosé Manoel Santos Díaz; Comunicación: Mario López Rico; Comunicación Interna e Redes: Xosé Manuel Pérez Sardiña; Acción Feminista: Iolanda Pérez Docampo; Lingua: Mar Blanco Casais; Igualdade: Xiana López Penedo; Patrimonio: Mónica Fernández Rodríguez; Finanzas: Concha Trigo Portela; Mocidade: Antía Comesaña González; Cultura: Antón López Dobao; Ambiente e Sostibilidade: Antón Sánchez García; Acción Social: Mª Consuelo Martínez García; Formación: Xurxo Martínez González e Diáspora: Laura Ogando Muñiz.

Unha AN fechada en falso

A tensión vivida onte na Coordenadora nacional confirma a impresión de que a Asemblea Nacional de Anova se fechou en falso. Basicamente no escenario interno debúxanse dous blocos distintos. Un pivota arredor de Martiño Noriega, o coordenador da permanente, claramente partidario de solidificar AGE. O outro pon a énfase non tanto na coligación con Esquerda Unida -sen que iso signifique que a cuestione- como no fortalecimento da própria Anova. Organicamente, a composición da nova permanente sería, en principio, máis favorábel a este último sector.

Comentarios