NACE CON VOCACIÓN DE UNIDADE

A nova corrente do BNG, Abrente, constitúese con Aymerich á fronte

O deputado considera que o sábado "non é un final senón o inicio”. No seu manifesto constituínte, Abrente di que o BNG “pode e debe ser a casa común dos e das nacionalistas galegos e, nese sentido, traballaremos para recuperar, no seu seo, a unidade do nacionalismo”.

A xestora de militantes Abrente-Esquerda Democrática Galega constituirase este sábado en Compostela como corrente organizada dentro do BNG, con Carlos Aymerich como secretario executivo. O colectivo ten como como piares básicos o modelo social e económico que defende a solidariedade e o combate das discriminacións, o acceso universal a bens e servizos esenciais, (saúde, educación, vivenda, seguranza social), o compromiso cos dereitos dos traballadores e traballadoras, as políticas de igualdade de xénero e a xestión sustentábel dos recursos naturais.

Ven imprescindíbel un sector público eficaz que poida intervir para mellorar a eficiencia dos recursos, garantir a igualdade de oportunidades e de condicións de vida e a cohesión social. Apoian, logo, a existencia de mecanismos públicos de regulación e intervención nos mercados, así como a creación dunha Banca Pública galega a partir da asunción polos poderes públicos galegos da participación estatal no capital de NGB.

Consideran que Galiza dispón de capacidade económica para sustentar o pleno autogoberno como nación, e sinala que a crítica á política practicada polas institucións comunitarias é compatíbel coa consideración do espazo europeo como un espazo propio e como elemento básico para a presenza da sociedade galega no mundo. Tamén defenden que o proxecto histórico da UE non debe ser identificarse sen máis co programa neoliberal do tempo presente, “promovido por gobernantes empeñados en destruír o benestar e a cohesión sociais”.

O sábado participarán na Conferencia constituínte quen integraron a xestora conformada o pasado 14 de abril: o propio Carlos Aymerich, a deputada Ana Luisa Bouza; os integrantes do Consello Nacional, Camilo Nogueira, María Alonso e Xesús Veiga; o deputado provincial en Ourense, Luis Seara; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; o tenente de alcalde de Mondoñedo, Xusto Fernández; a exconcelleira do BNG en Ribeira, Domi Brión; e o exconcelleiro nacionalista en A Coruña, Manuel Monge, así como o resto da militancia do BNG que queiran compartir estas ideas.

Comentarios