A negativa de López Orozco a demitir podería pór fin á coalición co BNG en Lugo

O Consello e mais a Asemblea Local do BNG tomarán nos vindeiros días unha decisión despois de lle teren exixido a renuncia. Guillerme Vázquez apuntou que a posición da fronte nacionalista podería ser a mesma que a adoptada en Ourense.
López Orozco, alcalde de Lugo
photo_camera López Orozco, alcalde de Lugo

Se José Clemente López Orozco non renuncia á alcaldía tal e como lle pediu o BNG –despois de ser imputado na Operación “Pokémon”, porá fin á coalición de goberno que socialistas e nacionalistas manteñen na cidade de Lugo. Así o recoñecía o propio Guillerme Vázquez. O voceiro nacional do BNG deu a entender que na cidade amurallada a posición da fronte nacionalista será semellante á mantida en Ourense. Na cidade das Burgas o Bloque abandonou o goberno local, tamén de coalición co PSOE, despois de Francisco Rodríguez se negar a demitir malia que finalmente se vería obrigado a o facer polo seu propio partido.

Con todo, a decisión non está formalmente tomada. Será o Consello e mais a Asemblea local do BNG quen a adopte. As xuntanzas de ambos organismos aínda non foron convocadas.

Guillerme Vázquez xustificou a posición do Bloque explicando que “non pedimos algo diferente ao que nós propios facemos”. “Cando un compañeiro está imputado demite” acrecentou, insistindo tamén no respecto “á presunción de inocencia de todo o mundo”. Aliás, o voceiro nacionalista lamentouse de que “demasiadas veces” as imputacións logo se resolven con absolucións para as persoas encausadas, o que na súa opinión podería levar no futuro a “pensar outra forma de actuar fronte estas”.

Pola súa banda Orozco insiste na súa inocencia e amósase contrario a abandonar a alcaldía. Posición que conta co respaldo da agrupación provincial do PSOE, quen por boca do seu secretario, José Ramón Gómez Besteiro, expresou o apoio ao alcalde.

Comentarios