A Xunta electoral ditamina que a marca 'Alternativa Galega' non pode concorrer ás eleccións

Anova e EU terán que buscar outro nome para a súa coalición, ao existir no rexistro de partidos unha formación así denominada. Creada e disolta en 1993, estivo liderada polo ex alcalde de Noia polo BNG Pastor Alonso. O órgano electoral basea a súa resolución nunha sentenza de 2003 ditada polo TC

A coalición electoral que forman Anova e EU e que encabezan Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz non poderá presentarse o 21-O co nome Alternativa Galega. Nunha reunión da Xunta electoral en que se procedeu á comprobación das denominacións de cada unha das forzas políticas que pretenden concorrer ás eleccións nacionais constatouse que, efectivamente, existe xa no Rexistro de partidos unha entidade así denominada.

Trátase dunha formación política liderada por Pastor Alonso, ex alcalde de Noia polo BNG que posteriormente abandonou o BNG para formar Alternativa Galega (AG). Presentou candidatura nas eleccións xerais españolas e ao Parlamento galego de 1993, obtendo pouco máis de 3.000 votos e ningún escano. O paso pola política foi fugaz, pois naceu e se disolveu nese mesmo ano, integrándose parte da súa militancia en Terra galega. No eido municipal, AG conseguiu representación en concellos como Noia ou Rianxo.

Segundo puido saber este xornal, a Xunta electoral trasladou a Anova e EU esta problemática, baseando a súa decisión nunha sentenza ditada polo Tribunal constitucional o 17 de xullo de 2003, para alén de dous acordos da Xunta electoral central que van na mesma liña. Pola súa banda, a coalición que lideran Beiras e Yolanda Díaz terá un novo nome esta terza antes das cinco do serán, prazo fixado pola Xunta electoral da Galiza.

Comentarios