"Estanlle roubando á xente": a fraude das preferentes faise ouvir no Parlamento

As primeiras horas do pleno ordinario decorrido esta terza feira estiveron marcadas polas denuncias da oposición a respecto da quita aprobada desde Madrid @s afectad@s polo calote das preferentes e subordinadas. BNG, AGE e PSdeG denunciaron a ausencia de Núñez Feijóo e exixiron a súa comparecencia en pleno. 

"Feijóo terá que explicar por que votou en contra da quita aquí o martes e permitiu que Rajoy a aprobase o venres" denunciou o deputado socialista poucos minutos despois de se iniciar o debate parlamentar na Cámara galega. Os grupos da oposición empregaron as súas quendas de intervención para denunciaren as consecuencias --económicas e sociais-- da perda de boa parte dos seus aforros para as 300.000 persoas vítimas deste calote. 

Malia os intentos do voceiro socialista, Abel Losada, por mudar a orde do día e obrigar ao presidente da Xunta a comparecer perante o pleno para dar explicacións, a maioría --neste caso axustada-- do grupo popular evitou máis unha vez que o líder do executivo galego tivese que dar explicacións a respecto da súa posíbel responsabilidade política nesta estafa. "Teranos que explicar por que dixo nunha entrevista que coñecía o carácter fraudulento das preferentes" aseverou a deputada nacionalista, Ana Pontón. 

O grupo parlamentar do BNG concentrouse ás portas do Hórreo para denunciar "a cumplicidade" de Feijóo coa estafa

@s representantes do Bloque, participan na sesión plenario portando unha camisola amarela como as empregadas polas plataformas de afectad@s. "Primeiro expropianos os bancos e agora o PP", denunciaba Pontón desde o plenario apelando á quita aprobada desde Madrid co visto e prace da Xunta de Galiza. "Queremos unha solución política" para @s estafad@s, demandou Antón Sánchez en nome da Alternativa Galega entrementres lanzaba un chamamento a recuperar a credibilidade da política a través de medidas "xustas". 

Os apupos @s representantes do Partido Popular marcaron a primeira hora da sesión plenaria. Porén, o grupo maioritario sacou as unllas e defendeuse como de costume, atacando. Neste senso, o deputado popular acusou á oposición de manter unha actitude "irresponsábel" á oposición por levar ao pleno o clamor da cidadanía sen, dixo, "introducilo na orde do día" --cuestión que foi vetada pola maioría do PP na Mesa parlamentar. "Parécenos unha falta de respecto" continuou o deputado popular quen preguntou "que lles parecería a vostedes se comezasemos a falar dos mojitos do bipartito ou das viaxes en iate do bipartito". 

Comentarios