FPG analiza o futuro do socialismo na Galiza

Representantes de organizacións comunistas galegas e analistas participarán nas xornadas que a FPG e Adiante organizan os días 9,10 e 11 en Vigo arredor do futuro do socialismo en Galiza e no mundo.

 

photo_camera Francisco Sampedro

A Frente Popular Galega, xunto coa organización de mocidade Adiante, organiza en Vigo os días 9, 10 e 11 de maio a primeira edición das Xornadas Comunistas co lema “O Futuro do Socialismo en Galiza e no mundo”.

Durante tres días na Casa Galega da Cultura de Vigo FPG e Adiante celebrarán as xornadas nas que queren “abranguer o conxunto das problemáticas sociais, nacionais e de xénero que configuran as principais frontes de loita do movemento comunista actual”. O encontro organízase a través de palestras e unha mesa redonda con representantes de organizacións comunistas galegas

O programa dá inicio o mércores día 9 de maio ás 18.30 horas coa intervención da Secretaria de Organización de Adiante, Laura Sousa que falará sobre a mocidade comunista, o xornalista Bruno Carvalho sobre a esquerda en Portugal e o embaixador da Fronte Popular para a Liberación de Palestina Fayed Badawi. 

Na seguinte xornada, o día 10, Lola Ferreiro dará unha visión feminista dos procesos revolucionarios mentres o filósofo Francisco Sampedro achegará ao auditorio ao comunismo do século XXI. O investigador Xurxo Martínez percorrerá a historia do comunismo arredista galego. Para rematar as xornadas, o venres 11 de maio celebrarase unha mesa redonda con representantes de partidos comunistas galegos UPG, MGS, PCG, EA, PCPG, PCPE e FPG.

Comentarios