A fiscalía demanda a Baltar por prevaricación

O que foi presidente da deputación de Ourense e un dos nomes fortes do Partido Popular en Galiza, foi demandado por suposto delito de prevaricación nas contratacións de persoal da administración provincial.

"Xa todos saben que son un cacique pero séguenme votando". Foi unha das frases máis célebres de José Luis Baltar, quen durante máis de vinte anos estivo á fronte da deputación provincial de Ourense. Malia as sucesivas denuncias --xudiciais e mediáticas-- que os grupos da oposición presentaron contra o 'popular ourensán', a xustiza nunca chegara a abrir unha investigación formal sobre os supostos casos de prevaricacións que se desenvolveron durante o seu mandato no órgano provincial. Até agora.

A fiscalía da Audiencia provincial de Ourense vén de presentar unha demanda contra o ex-presidente por un "delito continuado de prevaricación". Desta maneira, toma en consideración as denuncias presentadas durante os últimos anos polo PSOE. Segundo informa un diario galego, após a presentación da demanda, o caso está á espera de ser asignado a un xulgado que deberá esclarecer se existíu ou non delito en 115 contratos aprobados a poucas semanas de se celebrar o último congreso do Partido Popular de Ourense, cuxo resultado determinaría a continuidade ou non dos Baltar á fronte do partido na provincia ocupando, aliás, un dos postos como 'barón' da formación en Galiza.

Porén, a denuncia non fica aí, senón que xira arredor duns 540 postos de traballo supostamente asignados entre persoas vencelladas de maneira directa ou indirecta co PP de Ourense cuxos procesos de contratación agochan unha grande opacidade na tramitación.

Comentarios